A Domus do Mitreo constitúe un xacemento arqueolóxico único que permite viaxar no tempo a través de Lucus Augusti desde o século I ata o IV, o período romano da capital luguesa, e descubrir así as singularidades e
manifestacións (sociais, económicas, culturais, políticas…) da sociedade da época, tal e como recolle o arqueólogo Celso Rodríguez Cao na tese de doutoramento ‘A Domus do Mitreo. Lucus Augusti’. Esta investigación, dirixida pola profesora de Historia Antiga da USC Dolores Dopico Caínzos, xunto coa tamén docente Mercedes Torres, e presentada na Facultade de Humanidades do Campus de Lugo, constitúe a segunda investigación sobre Lucus Augusti desenvolvida nos últimos 20 anos.

A tese de doutoramento ‘A domus do Mitreo. Lucus Augusti’ é o resultado da análise dun xacemento excepcional situado sete metros por baixo do actual nivel da cidade no que se acharon os restos dunha domus que contiña un mitreo, ao tempo que a escavación tamén permitiu desvelar unha parte do lenzo da muralla romana ata os seus cimentos. A este sachados cómpre engadir o numeroso material arqueolóxico (cerámica, vidro, moedas..), restos faunísticos, humanos e, sobre todo, dous epígrafes.

A riqueza do material obtido, unido á cronoloxía (os catro séculos da domus coinciden co período romano da cidade na súa integridade) deron pé a un estudo exhaustivo que rompe cos límites habituais dun estudo arqueolóxico, pois achega elementos significativos sobre a historia da cidade, a súa sociedade, administración ou paisaxe.

Daquela, a investigación de Celso Rodríguez Cao constitúe un estudo único en Lugo pola diversidade de temas analizados (estruturas arquitectónicas, sociedade, relixión, administración, paisaxe, interacción económica, urbanismo, vida cotiá….), a metodoloxía multidisciplinar e a ampla cronoloxía que abarca, na súa integridade, o período romano da cidade.

A Domus Mitreo mantén intacto o seu atractivo turístico

Estrutrura e contido
A tese está estruturada en dúas partes diferenciadas. A primeira analiza os tres elementos do xacemento, a domus, o mitreo e a muralla. A pesar de que só se puido escavar unha parte da mesma, Rodríguez Cao foi quen de reconstruír unha domus romana característica, articulada ao redor dun peristilo e un atrio, coa súa estancia de representación (oecus), a súa sección de servizos, na que destaca a única cociña de obra achada no noroeste, letrinas (tamén moi pouco documentadas na arqueoloxía hispana), e cortellos. Probablemente tería tamén unha área termal e identificáronse, igualmente, zonas artesanais domésticas. Hai outros elementos que nos indican a riqueza da domus como é a súa decoración, pois todas as dependencias denotan unha notable calidade construtiva, tanto nos solos como nos seus muros, todos eles dotados de frescos decorativos datados no século III despois de Cristo e do estilo pompeiano (século IV), así como no teito do oecus (comedor).

Outro dos elementos reconstruídos na investigación é o circuíto hidráulico. A achega da auga para as necesidades dos seus habitantes non só se facía a través dun pozo, senón cunha conexión co acueduto público, algo que estaba reservado aos estratos sociais superiores. A investigación revela que o circuíto da domus do Mitreo era moi sofisticado e incluía xa reguladores que controlaban o fluxo de auga. A isto engádese o circuíto de evacuación da auga, vinculado á cloaca da cidade ou os sistemas antihumedade, que reproducen fielmente os teorizados en Roma polo arquitecto Vitrubio, que tamén
mostran a calidade construtiva da domus.

O estudo do material arqueolóxico, epigráfico e numismático posibilita fixar a cronoloxía da casa e dos seus diversos estadios, unha datación que permite advertir unha fase inicial, en época da fundación da cidade, co emperador Augusto, moi pouco documentada, á que segue a luxosa domus do século II-III e unha última, na que se produce unha reforma que coincidiría coa instalación da statio e a creación do mitreo.

A análise deste templo é obxecto dun segundo capítulo, no que ademais de constatar a existencia dunha planta canónica deste tipo de edificios cultuais, o que o converte en practicamente único en Hispania, tamén se analiza o banquete ritual. Ao material de servizo (lucernas, botellas e cuncos de vidro, cerámica para cociñar e servir) engádense os restos faunísticos que, unha vez analizados, permiten reconstruír a comida e comparala coa doutros mitreos. Cómpre salientar neste caso, a presenza de valvas de molusco, o que denota o alto nivel adquisitivo dos devotos deste deus.

O estudo da muralla, achega luz sobre o proceso de destrución sistemática e organizada da domus e do reaproveitamento de espazos antes nobres, como o oecus, para simples tarefas de intendencia, como era proporcionar a alimentación á man de obra que traballaba na construción da obra defensiva e o recheo posterior de toda esta zona para crear o intervallum, único lugar da cidade onde se pode constatar na súa integridade. A profundidade da escavación, cuxos primeiros traballos comezaron no ano 2000, permitiu chegar ata o rebanco da muralla e coñecer os seus cimentos, os procedementos construtivos, a división do traballo por cuadrillas, ver os restos do encalado e unha das escaleiras de acceso.

Contexto histórico
A segunda parte da tese analiza o contexto histórico da domus, desde a súa relación co espazo urbano, ata a comparación con outras domus do noroeste en xeral, como é o caso de As Carvalheiras (Braga). Tamén se analiza a integración na sociedade urbana dos tres individuos mencionados no Ara, o centurión Victorino, un dos escasos militares documentados na cidade, o único en activo e dedicado a tarefas administrativas, e os outros dous libertos, que son os únicos documentados dentro do reducido grupo que forma parte da administración en Lucus Augusti que non son públicos, senón privados.

Rodríguez Cao examina tamén a achega da información da domus ás crenzas relixiosas da cidade, xa que o mitreo é o único templo plenamente identificado.
Outro capítulo da tese aborda a relación da domus co territorio. O primeiro aspecto foi a análise do control visual que se podía exercer desde ela, fundamental para entender a súa función, obxecto de estudo do último capítulo. A investigación establece que a domus do Mitreo tiña unha óptima situación desde o punto de vista estratéxico. A visibilidade cara á zona oeste da cidade garantíalle dominar os accesos pola vía XIX, incluído o único paso que atravesa o río Miño a través da ponte. A análise da relación da domus co territorio desde o punto de vista económico sitúa as canteiras de Ombreiro e Buratai, próximas ás vías de comunicación, como xacementos de procedencia de boa parte do material (lousa e granito) empregado para a súa construcción.

Análise polínica do solo e inscricións
O estudo da evolución do solo do Mitreo a través da realización de análise polínica confirma a reconstrución da paisaxe ao redor de Lucus Augusti. Estes datos, obtidos por primeira vez en Lugo a partir de mostras non contaminadas, debuxan unha contorna natural acorde ao xa coñecido no resto do noroeste, con predominio de especies non arbustivas. A inscrición de G. Victorius Victorinus, coa mención da instancia administrativa, a statio lucensis, supón un dos documentos máis importantes aparecidos na domus que tamén é obxecto de estudo no último capítulo dunha tese que define como “excepcional” a función da domus do Mitreo de Lugo.

Tribunal de tese e cualificación
O tribunal encargado de avaliar a tese de doutoramento presentada por Celso Rodríguez Cao estivo formado por tres catedráticos alleos á USC e que están recoñecidos como especialistas nas distintas cuestións abordadas nesta investigación, tal e como o son Juan Santos Yanguas, da UPV-EHU; Ángeles Magallón, da Universidade de Zaragoza, e Jaime Alvar, da Universidade Carlos III. Os tres membros do xurado acordaron por unanimidade outorgar á tese sobre a domus do Mitreo a máxima cualificación de sobresaínte cum laude.