A primeira Romería de Jeremías fusionará a performance colectiva coa festa tradicional.
Sábado 29 de Xuño ás 12h no lugar de Caraño, no concello lucense de Pol.

O vindeiro sábado 29 de Xuño ás 12h no lugar de Caraño, no concello lucense de Pol, o Colectivo D’Abaixo presentará a obra que realizaron na Residencia Artística Ao Caraño! que celebran no mesmo lugar. 

Esta presentación terá lugar a través dunha romaría aberta aes veciñes e a tode aquele que se queira achegar. Así, a Romería de Jeremías é unha proposta artística nada na segunda edición das residencias Ao Caraño!, que contempla unha participación colectiva na parroquia de Pol. 

A proposta consiste nunha procesión na que pasearán a peza dende a Casa de Xan, lugar onde realizan a residencia, ata a Escola Vella da parroquia. Unha vez alí haberá música, bebida e comida a prezos populares, como nunha auténtica romaría.

A obra naceu durante a segunda edición desta residencias, a cal tiña por obxectivo elaborar unha peza conxunta por e para o lugar.

Inspirados polo canto melódico do burro Majorero de Manolo de Vilavella, veciño de Caraño, exploraron o concepto de burro como animal de carga, establecendo conexións coa contorna, o costumismo, e a súa propia experiencia pasada e presente no rural galego. 

A propia romaría é un acto de veneración ao simbolismo que ten o burro como animal de traballo, erguido e sendo cargado. Este exercicio entendéndoo como unha dignificación da súa figura, en representación do concepto máis estrutural da labor rural.

A Idea de crear un paso parte dunha lenda bíblica que explica a causa por a cal o burro ten unha cruz gravada nas costas. O burro ademais de estar relacionado co traballo ten unhas connotacións similares a idiosincrasia das artistas emerxentes. A precariedade, a cruz as costas, a carga dun traballo invisibilizado, crea un vínculo coa creadora contemporánea.

A estrutura para o paso foi creada con materiais de refugallo e excedentes atopados no propio lugar da residencia. Rastreles, anacos de muro, cordón das pacas, la das ovellas, roupa vella, restos de metal. A intención foi recuperar e reutilizar estes materiais, dándolles unha segunda vida, da maneira na que o fai a xente do rural.

 Desta maneira apropiáronse do concepto do Feísmo, pondo en valor a ecoeficiencia de dita práctica. A intención da romaría é procesionar por lugares vinculados ó Feísmo, espazos mundanos, funcionais, que relegan a estética primando a utilidade.

Con este proxecto pretenden separarse da individualidade da práctica artística contemporánea, impulsando a creación colectiva e descentralizada.

Buscamos tecer rede, afastarnos da cidade achegándonos ó rural de Lugo, nun pretexto de continuidade, a través da residencia. 

A súa intención coa actual e as vindeiras propostas artísticas é deixar pegada no concello de Pol, buscando unha comunicación real entre polenses e a
creación contemporánea. Cren nunha arte transversal que non precise dunha folla de sala para ser comprendida e desfrutada. Fusionan a performance colectiva desta proposta coa linguaxe da romaría tradicional, nun exercicio de apreciar e valorar a cultura e a festa tradicional do pobo galego.

RESIDENCIAS AO CARAÑO!

Ao Caraño é unha residencia artística creada polas artistas Pía Piadosa, Teresa Larios e Sergio Marey xunto a Helena Rodríguez Blanco coa cal buscan crear espazos de creación colectiva nunha contorna rural. Desta maneira xorde este lugar de encontro sito na parroquia de Caraño no Concello de Pol no que se xuntan diverses artistas de diferentes disciplinas.

Trátase dun proxecto autoxestionado a través do cal tamén achegan a arte contemporánea ao rural ao tempo que poñen en valor concellos esquecidos da montaña de Lugo como o de Pol.

Esta residencia celebrou a súa primeira edición en 2021 onde 11 artistas desenvolveron diferentes pezas. A convivencia e o habitar do espazo fixeron que as obras se conectaran por si mesmas dando lugar á mostra Ao Caraño! que se amosou na galería Solaina de Lugo.

Nesta segunda edición, a metodoloxía foi diferente. Es 9 artistas convidades neste ano desenrolaron unha obra en conxunto durante os 5 días de convivencia.