A UNED de Lugo volve sinalar no seu calendario o Día Internacional da Muller cunha programación especial que se desenvolverá ao longo de todo o mes de marzo baixo o lema “Voces que abren camiños”, combinando divulgación dixital, formación universitaria, reflexión académica e unha proposta expositiva aberta á cidadanía.

A programación comezará o 8 de marzo coa estrea nas redes sociais do vídeo podcast “Voces que abren camiños”, unha serie de entrevistas a seis mulleres lucenses referentes en distintos ámbitos profesionais e sociais. A través de pequenas pílulas audiovisuais que se irán difundindo progresivamente, a iniciativa busca dar visibilidade a traxectorias inspiradoras e contribuír á creación de referentes femininos próximos.

Entre o 18 de marzo e o 13 de maio de 2026 celebrarase o curso de extensión universitaria “Herbarium et Venenum: corpo, medicina e rituais femininos na Hispania da Antiga Roma”. A proposta aborda, desde unha perspectiva interdisciplinar e de xénero, o papel das mulleres no coñecemento médico e botánico na Antigüidade, así como a recuperación de saberes historicamente invisibilizados.

24 de marzo, a UNED de Lugo acollerá as VI Xornadas “Aprendendo Feminismo”, baixo o título “Xenealoxía feminista. Mulleres para pensar, ideas para defender”, coa participación de Uxía López Mejuto, María del Carmen Abuin González e Mª Carmen Díaz Simón. As xornadas ofrecerán un espazo de análise e debate arredor da construción do pensamento feminista e da importancia das xenealoxías.

Como complemento, do 24 de marzo ao 24 de abril, o 3º andar do centro acollerá a exposición “Xenealoxía feminista”, un percorrido visual por referentes clave do feminismo aberto á comunidade universitaria e á sociedade lucense.

Con esta programación, a UNED de Lugo reafirma o seu compromiso coa igualdade e a visibilización das mulleres como protagonistas do coñecemento e da transformación social.