Concerto de Verto en Lugo

Os profesionais da xestión cultural fían a cumprimento das boas prácticas a futura celebración de eventos e espectáculos culturais, tal e como se recolle no manual elaborado pola Asociación Galega de Profesionais da Xestión Cultural (AGPXC) xunto coa Facultade de Humanidades do Campus de Lugo da USC, que o vindeiro curso ofertará o título de grao en Xestión Cultural.

O documento, que se desenvolve baixo o título ‘Manual de boas prácticas na xestión cultural para espectáculos ao vivo’ – pdf –  é o resultado dun intenso traballo liderado por Patricia Hermida e Ángel Dieste baixo a coordinación de Pilar Portela e Carlos Lorenzo, constitúe un paso máis para a consolidación da figura profesionais dos xestores e xestoras culturais. Daquela, este manual, que vén de ser publicado e xa está accesible na web da AGPXC, nace coa pretensión de facilitar o traballo dos profesionais que desenvolven, executan, producen, organizan e ou participan en espectáculos ao vivo.

A esta finalidade tamén cómpre sumar o obxectivo non menor de dotar a este sector profesional de ferramentas prácticas e áxiles que sexan homoxéneas e comúns, co rigoroso cumprimento do marco normativo e integrando e respectando a sustentabilidade nas súas diversas perspectivas, en todas as fases do procedemento de realización dun espectáculo.

Estruturado en 15 capítulos, este manual de boas prácticas para espectáculos ao vivo serve asemade de orientación ante a desigualdade normativa actual, dado que establece un criterio case cronolóxico das tarefas a desempeñar, así como da regulación que afecta a cada unha delas.

A profesora da USC na Facultade de Humanidades e coordinadora do Máster en Xestión de Servizos Culturais, Carme Silva Domínguez, comentou neste senso que o novo manual nace con vocación inmediata, a fin de servir de referencia para a organización de eventos neste período de tempo aínda condicionado pola normativa sociosanitaria derivada da pandemia causada pola COVID-19. O documento, engadiu, tamén se pode entender
como unha ferramenta moi útil de cara ao futuro. 

Silva Domínguez, quen participou na presentación en liña deste manual de boas prácticas na xestión de espectáculos ao vivo, salientou que estea publicación é tamén un primeiro paso que convida a reflexionar sobre o futura da cultura, tanto no que atinxe á celebración de espectáculos ao vivo, como ás crecentes fórmulas de manifestacións e goce de xeito dixital, e mesmo respecto da pertinencia ou non da súa gratuidade.