Aberta a inscrición no XVI Curso de Primavera da USC, un coloquio científico que se desenvolverá os días 23 e 24 de setembro na Facultade de Humanidades e para o que se ofrecen 25 prazas
O XVI Curso de Primavera da USC Campus Lugo, un seminario de análise e debate que se desenvolverá os días 23 e 24 de setembro na Facultade de Humanidades do Campus de Lugo, abordará a intervención de Roma nas comunidades indíxenas no marco dun intenso programa coordinado polos profesores de Historia Antiga da USC Dolores Dopico Caínzos e Manuel Villanueva Acuña, xunto co catedrático xubilado da UPV-EHU Juan Santos Yanguas, no que intervirán como relatores 23 investigadores e investigadores procedentes de doce universidades e centros de investigación de España, Francia, Italia e Portugal.
O obxectivo deste seminario, promovido ao abeiro do proxecto de investigación de excelencia ‘Aut opressi serviunt aut recepti beneficio se obligatos putant’ que desenvolve o equipo dos tres docentes citados, é o poñer en común e dar a coñecer os resultados das pescudas realizadas no marco desta iniciativa ao longo do trienio 2018-20, ademais de tratar outras das cuestións temáticas estudadas por calquera dos investigadores participantes nesta reunión científica internacional.
O desenvolvemento do XVI Curso de Primavera da USC vén condicionado pola actual situación de excepcionalidade propiciada pola COVID-19, razón pola cal a USC limita a oferta de prazas para asistir ás sesións programadas no marco deste foro a un máximo de 25 persoas. O público interesado pode formalizar xa a súa inscrición de balde neste curso a través do enderezo de correo electrónico cultura.lugo@usc.es . A matrícula rexerase por estrito orde de solicitude ata completar as prazas ofertadas.
Programa do XVI Curso de Primavera da USC
O catedrático de Historia Antiga da Universidade de Málaga Fernando Wulff abrirá a quenda de intervencións do curso o 23 de setembro cun relato baixo o título ‘Roma, Italia, Imperio: identidades entre a República e o Principado’. O exército e a intervención nas comunidades indíxenas centrará, de seguido, a intervención do profesor de Historia Antiga da Universidade de Salamanca Juan José Palao Vicente, a quen sucederá no uso da palabra o investigador da Universidade Rovira y Virgili de Tarragona Ricardo Mar, quen ofrecerá a charla ‘A construción da paisaxe urbana na Hispania romana: santuarios,
foros e centros cerimoniais’. O director do Museo de Segovia, Santiago Martínez Caballero pechará a xornada matinal do primeiro día do XVI Curso de Primavera da USC co relatorio ‘As transformacións urbanas nas cidades romanas da celtiberia do Doiro’, ao que seguirá un coloquio entre os asistentes.
Gallaecia será o eixo temático da xornada de tarde deste foro monográfico sobre a intervención romana nas comunidades indíxenas. A directora do Museo Universitario A Domus do Mitreo e profesora de Historia Antiga da USC, Dolores Dopico Caínzos, acompañada de Juan Santos Yanguas, catedrático de Historia Antiga xubilado da Universidade do País Vasco, e de Armando Redentor, profesor da Universidade de Coimbra, abrirán a sesión vespertina cunha exposición sobre as dedicatorias imperiais e a relixión en Brácara e Lucus como elementos de integración das comunidades indíxenas.
A conferencia ‘O Noroeste da Península Ibérica entre os séculos II/I a.C e o século I d.C: identidades e poderes en mudanza’, a cargo das investigadoras da Universidade de Minho Manuela Martins e Fernanda Magalhaes, seguida dunha análise das transformacións no poboamento nas áreas mineiras do Noroeste peninsular, da man dos investigadores do CSIC Almudena Orejas, Brais Currás, Luis López e Javier Sánchez- Palencia, completan o programa da primeira xornada deste foro monográfico.
O XVI Curso de Primavera da USC continuará o 24 de setembro con seis intervencións por videoconferencia. Michel Tarpin, da Universidade de Grenoble, abrirá a sesión co relatorio ‘Quod Insubres condiderunt. Caton et les oppida condita par des peuples Gaulois’. Os investigadores da universidade romana La Sapienza G.L. Gregori,, R. Dell’Era darán continuidade ao curso coa charla ‘Gli interventi domizianei su alcune comunità dell’arco alpino’.
A forma da transición da comunidade indíxena da Transpada fronte á romana será o tema sobre o que tratarán os investigadores da Universidade Cá Foscari de Venecia G. Cresci e A. Marinetti, tralos que tamén intervirá o investigador da mesma universidade italiana T, Luchelli, para afondar sobre o impacto da conquista romana sobre a moeda céltica: Galia Cisalpina e outras rexións.
As comunidades rurais e a intervención romana: autonomía local e cambios institucionais e a evolución desde as crenzas milagreiras do pobo Falisco cara a sociedade da comunidade romana serán outros dos temas tratados pola ampla representación de investigadores da Universidade La Sapienza de Roma convidados a tomar parte no XVI Curso de Primavera da USC.