2.000 euros o premio para o cartaz do San Froilán e 300 euros en materia de pintura para o cartaz do San Froilán Miúdo.
A concelleira de Cultura, Turismo e Promoción da Lingua, Maite Ferreiro, deu a coñecer as bases do concurso de deseño gráfico co que se escollerá cartaz para o San Froilán e o San Froilán Miúdo 2020. Maite Ferreiro lembrou que “as persoas participantes poderán presentar cantas obras consideren oportunas, sempre que sexan orixinais”.
Maite Ferreiro animou ás deseñadoras e deseñadores lucenses “a demostrar a gran calidade dos seus traballos e ser a imaxe da gran festa do outono galego”.
As persoas que desexen participar poden presentar os seus traballos ata o 31 de agosto nas oficinas da área de Cultura , na Praza Maior, ou por correo, en formato dixital JPG, cunhas dimensións de 50×70 centímetros e con 72ppp de resolución, en soporte cd ou lapis de memoria. Ademais, poderanse enviar tamén por enderezo electrónico a cultura@concellodelugo.org, indicando no asunto Cartel San Froilán 2020.Ademais, se algunha participante o desexa tamén pode entregar o cartaz montado sobre cartón pluma de 5 ou 10 mm e a un tamaño de 50×70 centímetros.
Nas propostas deben figurar os seguintes aspectos: Lugo, San Froilán 2020, Festa de Interese Turístico Galego e Festa de Interese Turístico Estatal, así como as datas de celebración, do 4 ao 12 de outubro, e a imaxe corporativa do Concello.
Os traballos serán presentados de forma anónima, con lema, acompañando un sobre co mesmo lema no exterior, e dentro os datos persoais do participante. Se presentan o cartel dixitalmente, estes datos deberán presentarse nun documento aparte.
Un xurado cualificado será o encargado de escoller a obra que represente esta festa, que será premiada cun importe de 2.000 euros.