Aberto o prazo para participar no VIII Concurso de Fotografía das Reservas da Biosfera
Os interesados teñen ata o 20 de xaneiro de 2025 para enviar as súas propostas.
1600 euros en premios.
Foto gañadora 2023 - Lina Iglesias Forneiro - Camiño Primitivo

A Deputación de Lugo abre o prazo para a presentación de fotografías no VIII Concurso de Fotografía das Reservas da Biosfera, unha iniciativa que ten como obxectivo poñer en valor o patrimonio etnográfico material das Reservas da Biosfera Terras do Miño e Os Ancares Lucenses. 

Esta actividade, enmarcada no compromiso da institución provincial coa posta en valor destes espazos naturais, conta cunha dotación económica de 1.600€, que serán repartidos entre os tres primeiros clasificados no concurso, con 800€, 500€ e 300€, respectivamente.

As imaxes presentadas deben centrarase en elementos representativos do patrimonio etnográfico, como:

  • hórreos, muíños, aceas, lavadoiros, fontes, pontellas, cortíns, pallozas e outras construcións tradicionais, que son un reflexo do bo facer dos nosos devanceiros á hora de aproveitar os recursos naturais de forma sostible, sen comprometer a súa persistencia ao longo do tempo. 

As imaxes, que poden ser en branco e negro ou en cor, deben ser tomadas dentro do territorio das Reservas da Biosfera Terras do Miño e Os Ancares Lucenses.

O xurado valorará  composición, orixinalidade e calidade estética.

As persoas interesadas deberán presentar unha única imaxe, que non pode ter sido premiada en edicións anteriores. 

As fotografías deben ser enviadas ou entregadas no Rexistro Provincial do Pazo de San Marcos ou remitidas por correo certificado. Deben presentarse en formato dixital nun CD ou memoria USB, xunto cunha copia en papel fotográfico. 

Toda a documentación debe ir dentro dun sobre no que se inclúan os datos persoais do participante, o título da obra e o nome do lugar onde se realizou a fotografía.

As bases completas poden consultarse en:

https://deputacionlugo.gal/sites/deputacionlugo.org/files/inline-files/Bases%20VIII%20concurso%20fotogr%C3%A1fico%20RRBB%202025_anexo.pdf