Arde Lucus 2020 - Concurso de decoración de balcóns, ventás e fachadas
O Arde Lvcvs convoca un concurso de decoración e embelecemento de balcóns, ventás e fachadas para manter o seu espírito vivo nas rúas
O prazo para solicitar a participación neste certame será ata o 12 de xuño a través do enderezo electrónico xuventude@lugo.gal. A inscrición é gratuíta
As decoracións deberán estar visibles dende a vía pública e os balcóns, ventás e fachadas terán que ser exhibidos do 18 ao 28 de xuño, ambos os dous incluídos
Establécense tres premios para vivendas de 1000, 500 e 300 euros. Para comunidades de veciños e veciñas, haberá un único premio de 600 euros

A área de Xuventude do Concello de Lugo vén de anunciar a realización dun concurso de decoración e embelecemento de balcóns, ventás e fachadas integrados na temática do Arde Lvcvs, co que pretende pór en valor ditos compoñentes como elementos vivos e decorativos de Lugo, ademais de dinamizar a participación activa da veciñanza, coa finalidade de contribuír a manter o espírito nas rúas ao longo das datas nas que se celebraría o Arde Lucvs.

O alcance deste certame será toda a cidade de Lugo, incluíndo o casco histórico e os barrios e o tema a desenvolver xirará única e exclusivamente ao redor do ambiente do Arde Lvcvs.

As decoracións deberán estar visibles dende a vía pública e os balcóns, ventás e fachadas terán que ser exhibidos do 18 ao 28 de xuño, ambos os dous incluídos.

As e os participantes poderán executar as súas obras axustándose a calquera dos tres elementos, sen causar molestias á cidadanía nin ningún perigo para as persoas, vehículos ou bens. Non se poderá realizar voo de vías públicas nin ocupación de rúas ou beirarrúas.

Poden presentarse a este certame todos aqueles veciños e veciñas, maiores de idade, propietarios ou arrendatarios de inmobles, que dispoñan de balcóns, fachadas ou ventás que reúnan as condicións mínimas, citadas no apartado anterior, para ser decorados con materiais que recreen a época romana e/ou castrexa. Tamén poderán participar comunidades de veciños/as.

Quedan excluídos do presente concurso os balcóns, ventás ou fachadas pertencentes a edificios públicos ou oficiais; así como establecementos comerciais ou hostaleiros.

Inscrición e premios

O prazo para solicitar a participación neste certame será ata o 12 de xuño a través do enderezo electrónico xuventude@lugo.gal, no que se deberá indicar en asunto o nome do concurso e achegar no mail nome, apelidos e DNI da persoa participante, xunto ao enderezo do balcón/ventá/fachada a decorar e un teléfono de contacto. A inscrición é gratuíta.

Este certame establece tres premios para vivendas:

1.Primeiro premio: 1000 euros
2.Segundo premio: 500 euros
3.Terceiro premio: 300 euros

En canto ás comunidades de veciños haberá un único premio de 600 euros.

O importe dos premios quedará suxeito ás retencións fiscais que marque a Lei.

Xurado

Estará composto por persoas cualificadas na materia, que valorarán, previa visita, a superficie decorada, a dificultade, a orixinalidade na ornamentación, a variedade, a colocación de elementos accesorios, o uso de materiais de refugallo ou eco-sostibles e o enxeño ou capacidade para acadar unha decoración óptima en vivendas que carezan de balcóns ou que, a priori, non reúnan as mellores condicións para participar no concurso, como por exemplo muros; tendo en conta que a ambientación debe ser acorde co Arde Lvcvs.

As persoas que conforman o xurado visitarán o enderezo dos balcóns, ventás e fachadas para a valoración, e concederán, segundo o seu criterio, os premios que consideren oportunos, reservándose a posibilidade de declarar desertos os que estimen convenientes.

Para facilitar a tarefa de valoración, solicítase ás persoas participantes que proporcionen, vía correo electrónico a xuventude@lugo.gal algunha fotografía do balcón, ventá ou fachada adornada o día previo ao comezo do período obrigatorio no que deben permanecer decorados (17 de xuño) sen modificacións dende a remisión da fotografía durante o período de exposición.