O Goberno renova o seu compromiso cos colectivos culturais do municipio e convoca unha liña de axudas de 15.000€ para actividades e infraestruturas
As asociacións interesadas poderán presentar as solicitudes nun prazo de 15 días hábiles contados dende a publicación da convocatoria na Base de Datos Nacional de Subvencións, a través do BOP. O importe máximo por asociación é de 3.000€
31/10/2018 A Xunta de Goberno do Concello de Lugo aprobou este mércores unha liña de axudas por importe de preto de 15.000 euros destinadas a apoiar e dinamizar a actividade das asociacións e persoas xurídico privadas sen ánimo de lucro que desenvolven a súa actividade no eido da cultura e para o mantemento, conservación e pequenas reparacións das infraestruturas nas que levan a cabo estes programas. Así o anuncio o Voceiro Municipal, Miguel Fernández, quen subliñou que coa convocatoria destas subvencións, «renovamos o compromiso coa cultura e coas asociacións culturais do noso municipio, que desenvolven un gran traballo en favor da dinamización da vida social”.
O prazo de presentación das solicitudes será de 15 días naturais contados dende o seguinte á publicación da convocatoria na Base de Datos Nacional de Subvencións. Publicarase tamén no Boletín Oficial da Provincia (BOP) e no taboleiro de edictos, na páxina web e no Portal de Transparencia do Concello.
Os criterios de valoración son os seguintes:
- o interese xeral da actividade ou programa,
- a especialización na atención a colectivos aos que van dirixidos,
- o seu carácter permanente e continuo,
- que se trate de entidades ou asociacións que presenten a xuízo da comisión avaliadora unha traxectoria de coordinación e colaboración nas súas actuacións co Concello,
- orixinalidade e carácter innovador da actividade,
- que na composición da directiva da asociación exista como mínimo unha porcentaxe do 50% de mulleres,
- o uso e difusión do galego, oral e escrito, na programación da actividade,
- a difusión dos valores culturais lucenses e galegos e que a entidade conte cunha vogalía ou departamento de muller ou igualdade.
O importe máximo por asociación é de 3.000€.