A Rede Museística de Lugo ofrece cadernos sobre igualdade a centros educativos e familias

A Rede Museística Provincial pon a disposición de profesorado e familias diferentes materiais didácticos sobre igualdade de xénero.

Trátase de cadernos dirixidos a diferentes idades e etapas educativas con actividades deseñadas a partir dos fondos e coleccións do Museo de Lugo, do Museo do Mar de San Cibrao, do Pazo de Tor e do Museo Fortaleza de San Paio de Narla.

O obxectivo é promover o coñecemento e recoñecemento de mulleres artistas, contribuír a eliminar os prexuízos sexistas a partir do debate sobre a representación das mulleres nas creacións artísticas e identificar e valorar o papel das mulleres no desenvolvemento das sociedades, en especial nas comunidades rurais.

O material presentouse no Museo de Lugo nun acto no que participou a xerente da Rede Museística Provincial, Encarna Lago, a directora do Museo de Lugo, Aurelia Balseiro, e persoal dos distintos museos.

Encarna Lago subliñou que “este paquete educativo incorpora por primeira vez actividades penadas para as familias, que complementan as propostas
para o ámbito escolar” e incidiu en que “con este material didáctico se proporcionan recursos para traballar e comprometerse coa igualdade durante os 365 días do ano”.

As actividades están deseñadas para seren realizadas tanto de forma presencial como en liña, coas visitas inmersivas  que se ofrecen a través da plataforma comunidadermpl.es. As unidades didácticas están dispoñibles para descarga na web da Rede Museística Provincial.

“A Ulloa.Fotografías centrípetas”. Proposta pedagóxica.

Ademais do material elaborado en base ás coleccións e fondos permanentes dos museos, o paquete educativo sobre igualdade inclúe tamén unha proposta pedagóxica a partir da exposición “A Ulloa. Fotografías centrípetas. Olladas femininas sobre o territorio e as súas xentes”,  organizada en colaboración co Instituto de Estudos Ulloáns e comisariada por Patricia Coucheiro González e Susana Varela Negro.

No marco desa proposta, ofrécese a posibilidade de levar ou presentar a exposición nos centros educativos e involucrar logo ao alumnado na elaboración dun traballo fotográfico ou videográfico baseado nunha reflexión, crítica ou posta en valor dalgún aspecto relacionado co territorio.