«Cibercarracho» xa está no paseo das Palabras do Ano da rúa Menorca de Lugo.
O Tenente Alcalde e concelleiro de Mobilidade e Infraestruturas, Rubén Arroxo, xunto con Maite Ferreiro, concelleira de Cultura, Turismo e Promoción da Lingua e o presidente da Real Academia Galega, Víctor Freixanes, e Manuel González, membro da Real Academia Galega, visitaron a rúa Menorca onde se vén de instalar a palabra Cibercarracho, escollida como palabra do ano 2023.


Rubén Arroxo afirmou que «con esta iniciativa queremos seguir coa mellora da imaxe da cidade ao mesmo tempo que poñemos en valor un símbolo tan importante como a lingua galega». «Continuamos esta intervención artística que puxo en valor un símbolo tan importante como a lingua galega, e converteu á rúa Mallorca nun atractivo turístico máis de Lugo» dixo Rubén Arroxo que engaidiu «o futuro da nosa lingua está vivo e as palabras de cada ano pasan a formar parte do idioma xa que sintetizan parte da realidade de cada época».

«Desde as áreas de Cultura e Infraestruturas continuamos a facer das rúas da cidade lugares amables para pasear nos que ao mesmo tempo se pode descubrir a nosa cultura», explicou o Tenente Alcalde.

A Palabra do Ano é escollida no Portal das Palabras cada ano. En 2012, a RAG e a Fundación Barrié, asinaron un convenio de colaboración en materia de lexicografía. Modernizar os sistemas de investigación, acometer novos traballos, elaborar aplicacións e promover o Portal das Palabras. Froito do anterior, elíxese a palabra do ano e conta con outras ferramentas como o Dicionario electrónico e a versión para móbiles e tablets.

Para a colocación das palabras utilizouse un material duradeiro e que permitirá unha boa e sinxela visibilidade do texto. Vai acompañando a cada verba o ano no que foi nomeada pola Real Academia, no Portal das Palabras, como palabra do ano.

Palabra do Ano

A escolla da palabra do ano comezou no ano 2014, a través do Portal das Palabras posto en marcha pola Real Academia Galega e a fundación Barrié. A iniciativa pretende que a veciñanza galega escolla cada decembro unha palabra en galego que defina o ano que remata, difundindo o léxico galego.

As palabras do ano escollidas até o de agora foron corrupción, refuxiados, irmandade, afouteza, deseucaliptización, sentidiño, nós, Tanxugueiras, comadre e cibercarracho.

Cibercarracho, palabra do ano 2023

O lema ciberdelincuente figura dende hai un tempo no Dicionario da Real Academia Galega para designar a persoa que comete un acto delituoso por medio das tecnoloxías da información e da comunicación, pero a inventiva para sensibilizar sobre o problema dos ciberataques e outros delitos informáticos creou nos últimos meses un neoloxismo de rexistro coloquial que tira do humor para gañar eficacia neste desafío: cibercarracho, -a! E esta é a voz que elixistes Palabra do Ano 2023, nun momento en que grandes empresas de múltiples sectores e institucións públicas e privadas de todo o mundo están a ser obxecto de graves agresións deste tipo de delicuentes, que tamén afectan cada vez máis particulares.

O vocábulo fíxose con máis do 40 por cento dos votos rexistrados na votación que organizamos dende o Portal das Palabras. A segunda voz máis apoiada foi feitiño, -a, con algo máis do 30 % dos votos, seguida de biodiversidade, dereitos humanos, educación emocional e cooficialidade.

Cibercarracho fórmase partindo do prefixo ciber-, resultante do acurtamento cibernético, e o substantivo carracho, que nomea un arácnido da orde dos ácaros do que existen varias especies e que se alimenta do sangue de mamíferos e aves, tamén denominado carracha, carraza, carrapato ou carrapata.

Da idoneidade de elixir este becho capaz de transmitir distintas enfermidades para se referir a quen delinque dá conta o refraneiro, que confirma a mala sona da que gozou tradicionalmente. As molestias e os danos que ocasionan as carrachas reflíctense en proverbios como Gando cativeiro, de carrachos cheo ou Ano pobre e ovella fraca, todo é carrachas. E as calidades negativas que se lles atribúen tamén están presentes dalgún xeito nesoutro dito que se aplica a quen presume do que non ten: Chufa, carracha, que logo vén o verán!

Retirarlles as carrachas a un animal require de moita paciencia, de aí que o nome deste ácaro tamén estea presente noutra expresión ben diferente, aplicable a unha persoa moi perfeccionista: Ándalle catando os carrachos ao can.

Cibercarracho, -a incorpora agora esta palabra popular nun novo tempo marcado pola tecnoloxía, chea de oportunidades pero tamén de ameazas, que van deixando pegada no Dicionario. O Seminario de Lexicografía da Real Academia Galega deu entrada no Dicionario no ano 2018 a diversas voces relacionadas con eses riscos, entre elas ciberdelincuente, xunto a outras formadas a partir do mesmo prefixo como ciberdelito, ciberataque, ciberseguridade ou ciberacoso.