«Ciencia á Feira» fomenta a cultura científica pola provincia de Lugo, en mercados e centros educativos de Burela, Muras, Mondoñedo, Friol, Navia de Suarna, O Incio, A Proba do Brollón e Sober.
O proxecto está impulsado desde o Campus Terra da USC e apoiado pola FECYT.

O grupo XuvenCiencia aproveitará a rede de mercados tradicionais para desenvolver as actividades programadas no marco do proxecto, segundo indicou este luns a profesora na EPS de Enxeñaría Montserrat Valcárcel na presentación deste “innovador proxecto interxeracional”, no marco dun acto no que tamén participaron a subdelegada do Goberno en Lugo, Isabel Rodríguez; a xefa territorial de Educación na provincia de Lugo, Sagrario Sánchez, e a deputada provincial delegada da área de Cultura e Patrimonio, Iria Castro, ademais de rexedores e representantes municipais dos concellos participantes. 

Acompañada doutros docentes e investigadores integrados en XuvenCiencia, Valcárcel, adiantou que as actividades incluídas —obradoiros tanto nos centros escolares como en locais municipais, para a poboación adulta—, no proxecto, que botará a andar xa no mes de outubro, faranse coincidir co día de feira, mercados aos que XuvenCiencia acudirá co seu propio posto para realizar tamén divulgación e repartir trípticos.

‘Ciencia á Feira’ é un proxecto de divulgación informal da ciencia que tira proveito de estruturas fortemente asentadas no medio rural: a escola, os concellos, as asociacións e os colectivos veciñais e, por suposto, as feiras, que funcionan como espazos seculares para a actividade económica, pero que tamén desempeñan un papel crucial de socialización, encontro e intercambio de información. 

As feiras e os mercados, lembrou Valcárcel, celébranse de xeito periódico en datas que son coñecidas por todos os habitantes da contorna e que funcionan como reclamo de seu. Estes actos sociais teñen a súa orixe na sociedade labrega, pero manteñen a súa vixencia no mundo contemporáneo, lembrou.

Programación

O programa de ‘Ciencia á Feira’ presentará tres accións sobre tres eixes temáticos que desde XuvenCiencia consideran relevantes na provincia de Lugo no contexto actual de quecemento global e cambio climático: as enfermidades transmitidas por carrachas, a xestión sustentable da augua e as micorrizas e microenxertos como ferramentas de produción vexetal.

O coñecemento das enfermidades transmitidas por carrachas e das chaves para a súa prevención:  patoloxías causadas por este tipo de ácaros, cuxa incidencia resulta crecente na provincia de Lugo, tal é como é a enfermidade de Lyme. A descrición de cando e onde son máis habituais as carrachas, o protocolo para a súa correcta extracción, as medidas de prevención e como actuar unha vez que se produciu a picada, constitúen o obxectivo desta actividade, na que colaborará o Sergas a través da participación dun médico internista do Hospital Universitario Lucus Augusti (HULA) de Lugo.

Outra das temáticas vertebrais de ‘Ciencia á Feira’ é a xestión sustentable da auga. O ciclo da auga, a pegada hídrica e a xestión deste recurso en Galicia serán os contidos incluídos nos obradoiros, nos que se darán a coñecer modelos de xestión de auga doméstica racionais e con que materiais se pode realizar.

A utilidade histórica dos enxertos para a produción de froitos nas árbores e o concepto de microrriza e a súa función propiciarán outras das explicacións previstas neste proxecto, durante o que se desenvolverá un microenxerto in vitro de castiñeiro empregando como patrón un híbrido resistente á enfermidade da tinta que afecta a esta árbore.

Web oficial «Ciencia á Feira»