O fotógrafo lugués Adra Pallón imparte a partir do venres 14 de outubro, a partir das 17.00 horas, na Facultade de Formación do Profesorado de Lugo, o curso de iniciación á fotografía ‘A túa cámara, o caderno de notas para crear a través da imaxe’, unha proposta aberta á participación de todo o público interesado que se enmarca dentro da programación dos Espazos Cultura da USC.
A actividade ten como obxectivo que o alumnado asimile a técnica e a linguaxe fotográfica como canle e ferramentas de expresión. Este taller de iniciación á fotografía rematará cara a finais de ano e os participantes poderán continuar a súa formación neste ámbito a través da súa incorporación nun grupo fotográfico, tamén coordinado por Adra Pallón, quen ampliará os seus coñecementos cun programa específico estruturado en 50 horas, das que 14 serán de carácter práctico.
As persoas interesadas en tomar parte en calquera das actividades programadas na sede universitaria luguesa no marco dos Espazos Cultura USC poden formalizar a súa inscrición ou solicitar máis información ao respecto a través do enderezo de correo electrónico cultura.lugo@usc.es . O estudantado universitario que tome parte en calquera destas actividades poderán solicitar o recoñecemento de créditos ECTS.