Conta atrás para a apertura do Coliving artístico municipal de Lugo
A nova dotación municipal disporá dunha programación propia orientada a todos os públicos.
Ademais o Goberno lcoal porgrama para outono varias sesións orientadas a profesionais e axentes especializados no sector artístico que servirán para divulgar o proxecto e supoñerán a antesala do que será o funcionamento ordinario.
A alcaldesa de Lugo, Paula Alvarellos, acompañada do edil de Dinamización Económica, Mauricio Repetto, anunciou que o Coliving artístico municipal empezará a funcionar ao longo das vindeiras semanas. Deste xeito, a nova dotación convertirase durante os vindeiros meses nun eixo dinamizador da cultura do barrio do Carme e da contorna.
O Concello organizará unha serie de citas culturais e artísticas ao longo dos vindeiros meses e ata final de ano que servirán para divulgar o novo equipamento. “As primeras actividades, que se desenvolverán este verán, están orientadas a un público familiar. Mentres que os eventos programados para o outono se dirixen ao sector profesional e supoñerán a antesala do que será o funcionamento ordinario do colinving a partir de 2025 cando se prevé que entre en funcionamento o Regulamento das Residencias Artísticas Internacionais do Coliving”, explicou Alvarellos.
De feito, haberá un taller de recoñecemento natural da contorna do Coliving, a cargo dunha artista contemporánea e paisaxista experta en vexetación urbana como é Noa Rodríguez. Haberá tamén un concerto acústico exterior inspirado na música tradicional lírica galega, a cargo da artista Nebra con son en directo ao aire libre que tamén terá lugar este verán.
Ademais, durante este periodo, e aproveitamento as caracteristicas do edificio anexo ao coliving, este funcionará como espazo expositivo. Así, as obras expostas aloxaranse no interior do inmoble mentres que o público poderá contemplalas desde a zona pública axardinada, seguindo así o modelo de éxito implementado nos Storefront de cidades referente como Nova Yorke ou Oporto.
“Ao mesmo tempo xa se está a elaborar o documento técnico regulador que establece as bases das Residencias Artísticas Internacionais do Coliving, tomando como base as guías de boas prácticas establecidas por diferentes institucións de recoñecido prestixio”, avanzou a rexedora. Estas bases regularán a convocatoria para que as e os artistas interesados poidan optar a becas coas que acceder ao Coliving durante tres meses, durante os que desenvolver a súa obra que despois mostrarán ao público e á cidadanía lucense na zona expositiva deste novo equipamento.
De forma complementaria, o Goberno local tarballa na equipación de mobiliario e menaxe para o desenvolvento da vida cotiá durante os periodos de residencia. O centro poderá acoller a tres artisitas de forma simultanea. Ademais, Repetto destacou que o Coliving artístico contará co acompañamento profesional e empresarial do CEI-Nodus, de modo que se ofrecerá asesoramento aos residentes que así o desexen para poñer en marcha novos proxectos empresariais na cidade.
Características da infraestrutura
O proxecto supuxo a recuperación da que fora a vivenda do pintor e escultor Gómez Pacios -situada ao pé do Camiño Primitivo- e a construción dunha nova edificación que será área expositiva, así como a recuperación de 3.000 m2 de zonas verdes ao seu carón, que se habilitarán como zona cultural aberta a toda a cidadanía e que contará con programación propia.
Deste xeito, reformouse a construción existente, que dispón actualmente de tres habitacións e doutros espazos comúns, áreas de traballo e talleres; ao tempo que se ampliou o equipamento coa creación dun novo edificio independente, de madeira e cristal para incrementar a sensación de lixeireza e evitar que resulte invasivo na paisaxe e que, á súa vez, actuará como escenario de concertos, teatro e mostra do labor dos e das artistas residentes.
Trátase dunha intervención totalmente respectuosa coa contorna, que supuxo un investimento de 490.978 €, financiada nun 80% con fondos FEDER da Unión Europea. En concreto, o Coliving é un proxecto enmarcado na estratexia DUSI Muramiñae, encamiñada a unir a trama urbana de Lugo coa súa contorna fluvial, para conseguir unha cidade máis sostible, verde, innovadora e moderna.
O proxecto nace da aposta decidida do Concello pola cultura como elemento dinamizador da economía local e tamén como unha das accións deseñadas para poñer en valor e revitalizar o barrio do Carme. Neste senso, a alcaldesa lembrou que “se suma a outras actuacións como a peonalización e humanización da praza e a rúa do Carme ou a rehabilitación e musealización da Cloaca Romana de Porta Miñá, coas que queremos dar un novo pulo a esta zona emblemática do municipio”.