DivulgaTerra 2020

O DivulgaTerra 2020, un ciclo de divulgación científica en galego promovido pola Vicerreitoría de Coordinación do Campus de Lugo en colaboración co Servizo de Normalización Lingüística da USC, ofrecerá os días 1 e 3 de decembro, a partir das 19.30 horas, na Casa do Saber de Lugo, pequenas doses de diversas liñas de investigación nas que están a traballar tanto docentes como parte da mocidade investigadora ligada á sede universitaria luguesa.

O foro, que busca dar un pulo ao uso do galego como lingua de divulgación científica, está estruturado en dúas sesións presenciais, durante as que un total de 14 investigadores e docentes presentarán en intervencións de pouco máis de dez minutos de duración, algunhas das claves, achados, obxectivos e conclusións preliminares do traballo científico que están a desenvolver. Os relatorios presentaranse no auditorio da Casa do Saber e o aforo estará limitado a un máximo de entre 25 ou 30 persoas, para cumprir coa normativa sociosanitaria vixente por mor da COVID-19.

INSCRICIÓN

As persoas interesadas en asistir como público a estes petiscos de divulgación científica, micro exposicións que tamén poderán seguirse por streaming e que logo, unha vez editadas, permanecerán accesibles na canle de YouTube do Campus Terra da USC, poderán reservar praza de balde desde o 27 de novembro a través do enderezo de correo electrónico cultura.lugo@usc.es

PROGRAMA

A programación temática do DivulgaTerra 2020 contempla cinco exposicións ligadas ao ámbito das ciencia da saúde, catro relacionadas coas ciencias experimentais e unha coas enxeñarías, mentres que as ciencias sociais e as Humanidades suman outras catro
intervencións.

Daniel Manuel Vázquez Vila abrirá a quenda de intervencións coa exposición ‘Migrantes e mobilidade pre-COVID: unha análise sobre os fluxos migratorios do s. XXI’. De seguido, María Nerea Fernández Canto ofrecerá a charla ‘Pan Galego con garantía’. A variación do perfil de ácidos graxos no leite de bovino das explotacións galegas centrará a exposición de Ruth Rodríguez, a que sucederá Manuel Souto Herrero coa charla ‘Que foi antes: o vaso ou a xema’, sobre dendrocronoloxía. Marta Rodríguez Fernández achegará ao público presente na primeira sesión do DivulgaTerra 2020 á viticultura de precisión, mentres que Tamara López Fernández despedirá a sesión cunha lembranza das formas de ocio e dos conflitos na cidade de Lugo nos anos 70 do pasado século XX.

Isidro García afondará no caso da resistencia aos antibióticos na apertura da segunda xornada do DivulgaTerra 2020, unha sesión na que Irene Ortiz Leal e Pablo Sánchez Quinteiro trasladarán ao público ao mundos feromonas coas charlas ‘Cal e a lingua de
amor dos raposos?’ e ‘Ulindo baixo as ondas. Unha viaxe submarina polo olfato dos peixes’. ‘A arquitectura descoñecida ADN’ é o título do relatorio de Sara Illodo Brea, trala que Lara Rouco Méndez disertará sobre os usos terapéuticos do ouro. Marta Veiga Izaguirre falará neste foro sobre as diferentes predisposicións que amosan homes e mulleres fronte as titulacións chamadas STEM e, de seguido, Azucena Mora Gutiérrez
pechará o DivulgaTerra 2020 coa charla ‘Da penicilina á COVID-19: grandes científicas na sombra’.

DivulgaTerra 2020