A concelleira de Participación e Servizos para a Veciñanza, Cristina López visitou a Praza de Abastos e o Mercado Municipal, onde se veñen de colocar unha serie de elementos decorativos nas entradas e nos postos baleiros con imaxes antigas tomadas nas propias instalacións. Cristina López explicou que “esta acción pretendemos mellorar a imaxe da Praza e do Mercado, ao mesmo tempo que lembramos a súa historia”.
En total, a área de Participación utilizou 8 imaxes capturadas entre os anos 50 e 60 nas instalacións da Praza e do Mercado, procedentes da colección fotográfica José Luís Vega Fernández, custodiada no Arquivo Histórico Provincial. “Todas as persoas que se acheguen a facer as súas compras á Praza e ao Mercado poderán ver un anaco da historia de ambas instalacións”, afirmou a edil nacionalista.
Praza de Abastos
En 1841, o mestre de obras da cidade, José Sánchez, proxectou a primeira Praza de Abastos, con 16 casetas e un pavillón. O 10 de abril de 1897, o Concello recoñece a necesidade de construír unha nova e encárgalle o proxecto ao arquitecto municipal Juan Álvarez de Mendoza. O novo proxecto estaba inspirado nas prazas e mercados vascos, e tiña 56 postos cubertos e 88 de banco ao aire libre. Este edificio foi substituído polo proxectado por Eloy Maquieira Fernández. Aprobado o proxecto o 28 de setembro de 1935, comezaron as obras no mes de marzo 1936, e inaugurouse o 4 de outubro de 1942.
Mercado Municipal
En 1909, Leoncio Bescansa proxectou o chamado Mercado de Banquetas ou Mercado Novo de Quiroga Ballesteros, ampliado en 1913 por Luciano Travadelo. En 1925, propúxose a súa ampliación, e, en 1929, coa adquisición dun novo solar, puido ampliarse a instalación Fixo as obras Faustino Julio Abuín entre 1930 e 1931. En 1948, o arquitecto municipal Ruperto Sánchez Núñez redacta un proxecto, que modifica en 1957 co arquitecto de Belas Artes Francisco Pons Sorolla, ao que se engadiron dúas plantas en 1970.