Guido Guía e o Concello de Lugo están a desenvolver unha completa guía sobre as rutas naturais do municipio de Lugo para dar a coñecer a nosa inmensa riqueza paisaxística, cultural e histórica.
A guía estará dispoñible en web e app, partirá coa presentación de 21 rutas que recollerán información dos itinerarios, así como da flora e fauna que as caracterizan e sobre aspectos históricos, culturais e etnográficos, ademais de distintas localizacións de interese.
Serán percorridos que partirán do centro da cidade, dos barrios e desde as parroquias para abarcar un amplo abano de posibilidades de coñecer moito mellor as belezas de Lugo, ao mesmo tempo que se potencian estas zonas.
Os itinerarios están deseñados para todas as persoas con datos xeolocalizados de utilidade, mapas, como chegar ata o punto de inicio, dificultade, accesibilidade, posibilidade de ir con cans, duración aproximada, perfil topográfico, recomendacións xerais, recomendacións segundo a estación, recomendacións para ir con nenos, puntos de emerxencia ou fontes e servizos ao longo da ruta.