Lanzamento de «UNED Planet», o novo podcast da UNED en Lugo.
Carlos García, brand manager da UNED de Lugo e a directora do Centro Asociado de Lugo, Ana Traseira, no lanzamento do podcast UNED Planet

«UNED Planet» preséntase como un canal dinámico e accesible que ofrecerá información actualizada sobre programas de estudos, convocatorias, prazos administrativos, servizos ao estudante e actividades culturais.

Ademais, incluirá entrevistas con persoas expertas, recomendacións de recursos e respostas ás preguntas máis frecuentes da comunidade educativa.

O proxecto, liderado por Carlos García, brand manager da UNED de Lugo, busca garantir que o contido sexa útil, atractivo e aliñado coas necesidades da comunidade educativa. 

En palabras de García: «Queremos que ‘UNED Planet’ sexa unha ponte que conecte mellor ao alumnado con todo o que a UNED lles pode ofrecer».

A directora do Centro Asociado de Lugo, Ana Traseira, mostrou a súa satisfacción polo lanzamento deste novo canal de comunicación:

«Na UNED de Lugo traballamos constantemente para innovar e achegar a nosa oferta educativa á sociedade. ‘UNED Planet’ non só é unha ferramenta de información, senón tamén un espazo inclusivo onde todas as persoas, desde o alumnado ata a cidadanía en xeral, poden coñecer e participar nas nosas actividades. Este proxecto reforza o noso compromiso de construír unha universidade aberta e accesible, conectada coas necesidades do noso tempo».

Con un formato áxil e episodios dispoñibles nas principais plataformas de audio, «UNED Planet» aspira a converterse nunha ferramenta esencial para aquelas persoas que desexen coñecer a oferta formativa e as actividades tanto do Centro Asociado de Lugo como do resto dos centros da UNED en España e no estranxeiro.

O equipo da UNED de Lugo convida a toda a cidadanía a escoitar o primeiro episodio, xa dispoñible no canal de YouTube e nas redes sociais do centro. 

Episodio 1