Xa está aberta a convocatoria do concurso de deseño gráfico para elixir o cartel anunciador do Arde Lvcvs 2020, que premiará con 1.300 euros á obra gañadora que será, ademais, a que anuncie a XIX edición da festa convocada para o 25, 26, 27 e 28 de xuño.

Así o anunciou a Concelleira de Muller, Igualdade e Xuventude, Ana González Abelleira,  “os deseños deberán reflectir o espírito da celebración, facendo especial fincapé na reconstrución histórica e a volta da cidade á época da súa fundación. Primarase a orixinalidade e tamén a incorporación dun enfoque que contribúa ao obxectivo de internacionalizar a proxección da festa”.

Entre os requisitos que figuran nas bases que compartimos en formato imaxen, están: todos os traballos teñen que conter os seguintes compoñentes: Arde Lucus MMXX, Festa de Interese Turístico Galego e Festa de Interese Turístico Nacional, así como a páxina web www.ardelucus.com, a data de celebración – 25, 26, 27 e 28 de xuño – e os logotipos das redes sociais oficiais dos festexos.

O prazo para presentar as obras permanecerá aberto ata o 27 de febreiro, debendo entregalas na Casa da Xuventude, de 10:00 a 14:00 horas en horario de mañá, e de 16:30 a 21:30 pola tarde, ou mediante correo certificado

As obras presentadas serán exhibidas nas redes sociais do Arde Lucus, onde se fará unha votación popular da que se seleccionarán aquelas que logo serán sometidas á votación do xurado.

“Unha vez realizada a primeira escolla, de forma on- line, seleccionaranse 20 carteis se o número total de traballos non supera os 50 e, no caso de que se houberan presentado máis de medio cento, entón elixiranse, a maiores dos 20 máis votados, o 20% do número total de obras presentadas”, explicou a edil.

O prazo para a votación estará aberto desde as 12:00 horas do 5 de marzo ata as 12:00 horas do día 12 dese mes. Unha vez feito o reconto de votos, a selección farase pública a través das redes sociais oficiais do Arde Lucus e da propia web da festa e do Concello de Lugo www.lugo.gal

Cartel Arde Lucus 2019
Cartel do Arde Lucus 2019
Bases del concurso de diseño gráfico para elegir cartel anunciador del Arde Lvcvs