Foto de Adra Pallón da serie "12 Horas" recollida nesta fotoreportaxe

Decembro 2019 Lugo Sen Mordazas e varios artistas locais, como o “primo de Banksy” ou Leandro Barea, realizaron diversas accións performativas e plásticas ao longo do 24 de decembro de 2019 polas rúas de Lugo, como denuncia pública e visibilización da situación das persoas sen fogar baixo o lema #NinguénÉInvisibleEnLugo.

O fotógrafo Adra Pallón seguiu durante 12 horas ditas accións documentando coa súa particular mirada a evolución das mesmas e, como é característico e rasgo fundamental da súa obra, afondando no máis social e preocupante da situación retratada, contribuíndo así a reforzar as mensaxes de desigualdade, inxustiza e de como o «poder» trata de invisibilizar ás persoas sen fogar co beneplácito xeral da ciudadanía. 

12 HORAS – ADRA PALLÓN 

#NinguénÉInvisibleEnLugo

Lugo é a terceira cidade do Estado na que máis porcentaxe de vivendas baleiras hai e tan só conta con un albergue malchamado “Fogar do Transeúnte” de 16 prazas para homes e 4 para mulleres para dar aloxamento en situacións de emerxencia a 20 persoas en total, que deben cruzar a cidade para recoller o seu bono na Comisaría da Policía Local para poder pernoitar e comer no dispositivo. A estadía máxima é de tres días ao mes, tempo no que ningunha persoa pode procurar un teito baixo o que resgardarse, agás o dun caixeiro automático ou soportal. Apenas dous pisos de emerxencia e, con sorte, o pago de quince días nun motel da cidade, se se cumpren os criterios da traballadora social de zona, que por moito que queira, non pode ofrecer nada máis, cunha axenda programada para oito usuarias por mañá, nuns Servizos Sociais municipais insuficientes e colapsados.

Vítimas de desafiuzamentos, vítimas do desemprego, vítimas da violencia machista, vítimas dos abusos, vítimas do sistema capitalista que asoballa e afoga a tantas persoas levándoas ao desamparo, que rematan por fuxir das súas persoais barbaries para atopar refuxio no frío chan de pedra da cidade. Enfermidades mentais, alcoholismo, toxicomanías… son moitas as envolturas e síntomas que padecen as moitas persoas sen teito que atopamos na nosa cidade. Algunhas foron ferramentas desenvolvidas para sobrevivir ao frío, ao medo ou a soidade, no caso doutras foron o inicio do seu desastre persoal.

Un mural dunha persoa durmindo na entrada dos Sindicatos, outro na Praza de Santo Domingo (borrado tan só minutos despois), preto dunha persoa desafiuzada pola banca, e múltiples monicreques coma mulleres e homes que dormen e viven nas rúas en diferentes puntos do casco histórico; así coma cartóns nas principais portas da muralla, foron accións que se desenvolveron na madrugada, mañá e tarde deste 24 de decembro. Accións a cargo de Lugo Sen Mordazas e varios artistas lucenses que quixeron colaborar nunha acción reivindicativa, sen precedentes na nosa cidade, para visibilizar as nosas veciñas sen casa, que si teñen identidade, historia e vida detrás de cada marca da súa faciana, detrás de cada cicatriz nas súas mans, detrás de cada pedra nas súas costas e ás que as Administracións Públicas non saben ou queren darlles resposta.

Porque #NinguénÉInvisibleEnLugo, non volvas a cara, non mires ao chan, non subas o volume dos teus auriculares e contempla. Ao teu arredor hai moitas vidas invisibles que pasan desapercibidas para o Estado.

Non sexas cómplice: mira, escoita, sinte, toca… Son as nosas veciñas.