Nova edición de “Fotografía a cegas. A ollada sensible”
Foto: fonte, facebook RMP

En marcha unha nova edición do proxecto “Fotografía a cegas. A ollada sensible”, que propón adentrarse na fotografía dende a percepción sensorial abrindo así este campo creativo a persoas con diversos graos de discapacidade visual.

Promovido pola Rede Museística Provincial de Lugo, «Fotgrafiando a cegas» consta de diferentes talleres e exercicios, as persoas participantes adquirirán distintos  mecanismos e coñecementos para crear un álbum persoal. Desta maneira convídase aos  participantes a que tomen as ferramentas e recursos fotográficos dunha forma cotiá e natural, buscando na actividade da fotografía unha opción para desenvolver a súa creatividade, motivar a inquietude artística e afianzar recursos profesionais, en definitiva unha actividade que se rexe pola máxima de eliminación de barreiras fomentando a igualdade de oportunidades.

Os artistas que participarán nesta quinta edición do proxecto, comisariado por Encarna Lago e Iago Eireos, son  Cris Vilariño da asociación 3 Monos, que impartirá un taller de expresión corporal; Ledicia Bellón, que dirixirá o taller  “Movemento son e tempo”; Vane Rivas e Andres Haensel, que impartirán o obradoiro “A fotografía dende a percepción e música”; e Carmen Porteiro, que coordinará  o taller “Sentir a fotografía”. Ademais, o proxecto quedará rexistrado nunha curta documental dirixida por Henrique Lamas.

CÓMO PARTICIPAR

As persoas interesadas en participar nos obradoiros e realizar así o seu proxecto fotográfico poden contactar por teléfono con calquera catro museos da Rede – Museo de Lugo, Museo do Mar de San Cibrao, Pazo de Tor e Museo Fortaleza de San Paio de Narla – ou escribir ao enderezo electrónico: comunidadermpl@gmail.com