A Deputación de Lugo organiza unha nova edición do Concurso Fotográfico das Reservas da Biosfera baixo o lema Sendeiros das Reservas da Biosfera Terras do Miño e os Ancares Lucenses. Esta nova actividade, enmarcada no compromiso da institución provincial pola xestión e posta en valor destes espazos naturais, contará cun presuposto total de 1.600€ que serán repartidos entre os tres primeiros clasificados no concurso.
A temática desta nova edición busca promover as actividades de lecer en espazos abertos, centrándose nos sendeiros dos que gozan estes territorios da provincia e descubrir a riqueza do patrimonio natural e cultural. A realización deste tipo de actividades ao aire libre permite respectar e cumprir coas medidas adoptadas no momento polas autoridades sanitarias competentes.
Os participantes poden entregar unha única imaxe por persoa, que non fose premiada en edicións anteriores, dende o mércores, 28 de abril, ata o próximo 17 de setembro no Rexistro Provincial do Pazo de San Marcos, ou ben, remitirala por correo postal certificado. As fotografías presentadas deberán facerse no territorio da Reserva da Biosfera das Terras do Miño e os Ancares Lucenses e presentarse en formato dixital nun CD e unha copia en papel fotográfico, todo dentro dun sobre con datos persoais, título da obra e o nome do lugar onde se realizou a foto.
As bases completas poden consultarse na web do organismo provincial
Os traballos presentados serán valorados por un xurado por criterios de composición, orixinalidade e calidade estética e, en función destas pautas, seleccionaranse tres gañadores que recibirán premios en metálico de 800€, 500€ e 300€, respectivamente.
VI Concurso Fotográfico
Na actualidade, a páxina web da Deputación de Lugo inclúe unha exposición virtual coas trinta instantáneas admitidas no VI Concurso de Fotografía das Reservas da Biosferas Terras do Miño e Os Ancares Lucenses e Montes de Cervantes, Navia e Becerreá. Esta edición tivo como fío condutor As nosas árbores. A exposición completa pode verse na web de Medio Ambiente da institución provincial: