Exposición virtual das Reservas da Biosfera de Lugo

As trinta instantáneas admitidas no VI Concurso de Fotografía das Reservas da Biosferas Terras do Miño e Os Ancares Lucenses e Montes de Cervantes, Navia e Becerreá poden verse nunha exposición virtual na páxina web da Deputación de Lugo. Esta edición, que tivo como fío condutor As nosas árbores, busca pór en valor e dar a coñecer o patrimonio natural destas dúas Reservas da Biosfera, xestionadas pola Deputación de Lugo.

A mostra, entre a que se atopan todas as imaxes participantes na edición do 2019, pódese visitar na área de medio ambiente da páxina web da institución provincial: www.deputacionlugo.gal Entre as fotografías atópanse tamén as tres vencedoras desta edición,
que levan por título As árbores, o corazón das nosas Reservas, Monumento Natural e Green. A sétima convocatoria do concurso, que versará sobre Sendeiros das Reservas da Biosfera Terras do Miño e Os Ancares Lucenses, dará a coñecer as bases nas próximas semanas a través do Boletín Oficial da Provincia.

Calendario do National Geographic

Unha das imaxes gañadoras do IV Concurso de Fotografía das Reservas Terras do Miño e Os Ancares Lucenses ilustra o mes de marzo no calendario do 2021 editado pola Rede Española de Reservas da Biosfera, en colaboración coa prestixiosa National Geographic. A fotografía, do castro de Santa María de Cervantes, foi realizada por Óscar Doral e leva o tútulo de Ocaso Castrexo.