A preparación do First, a impartición de clases de ioga, aerobic latino ou hipopresivos son algunhas das propostas para os derradeiros meses do 2020 entre as que tamén se incorpora un curso de fotografía. 

A edil de Xuventude, Ana González Abelleira, deu a coñecer a programación organizada pola súa concellería para promover a mocidade activa de cara ao que resta de 2020. Unha axenda, chea de propostas alternativas para mozos e mozas de 14 a 35 anos, que se desenvolverá dende o 2 de novembro e até o 23 de decembro, garantindo o cumprimento de tódalas medidas sanitarias conformes á evolución da pandemia.

Así, o Concello manterá neste último trimestre actividades de gran participación en edicións anteriores, como é a preparación do First ou as clases de ioga e pilates que combinará con outras modalidades como o aerobic latino ou os hipopresivos. Como novidade, se estrea un taller de fotografía no que se impartirán conceptos básicos para aprender a manexar a cámara, iniciarse na montaxe e edición de Photoshop e tamén na práctica da fotografía nocturna, panorámica ou de 360º.

Ademais disto, o Concello de Lugo continúa a ofrecer aos mozos e mozas a posibilidade de realizar distintas rutas de sendeirismo os sábados. Andainas que teñen distinto nivel de dificultade e lonxitude, conforme ao seguinte calendario:


31 de Outubro: ascensión á Pena do Seo e Ruta do Wolframio (León)

14 de Novembro: ruta á Fraga das Reigadas, en A Pontenova (Lugo)

28 de Novembro: roteiro polo Río Pequeno, en Seoane do Courel (Lugo)

13 de Decembro: Belén do Cumio, nos Ancares lucenses.

Queda por determinar, asemade, a data para a ruta invernal con raquetas de neve que se realiza en Laciana (León) e da que se concretará a súa celebración en canto sexa posible.

Tamén se manteñen as Asesorías Xuvenís que son gratuítas e confidencias.

Xurídica: luns e mércores, de 19:30 a 21:00 horas.

Psicolóxica: martes e xoves, de 18:00 a 20:00 horas.

As persoas interesadas poden inscribirse xa na Casa da Xuventude, con cita previa ou a través do número de teléfono 982.29.74.44 e o custo das actividades oscila entre os 2’87 euros e os 8’61€ de preparación do First aínda que outras, como as clases de cociña que se realizan en modalidade online, son gratuítas.