A concelleira de Xuventude, Ana Gonzalez Abelleira, reuniuse coas dezanove asociacións de recreación histórica da cidade que colaboran activamente coa organización da Arde Lucus co fin de manter o espírito vivo da XX edición desta Festa de Interese Turístico Nacional, ás que anunciou que as datas de celebración serán do 17 ao 20 de xuño.
Esta toma de contacto tivo como obxectivo avanzar datas e repensar as programacións, que terán que adaptarse ás medidas sanitarias que poidan estar en vigor nesas datas, a expensas de como evolucione a crise da pandemia. “A nova edición, na que cumprimos 20 anos, debe ser, ante todo, segura”, comentou a edil.
O que si chegou para quedarse son actividades telemáticas, segundo sostivo a concelleira, que lembrou que “na última edición, a máis virtual da historia debido á COVID, o balance foi valorado de xeito moi positivo xa que chegamos a máis de 350.000 persoas de todo o continente e visitáronnos virtualmente países como Reino Unido, Portugal, Estados Unidos, Arxentina, Alemania, Italia, Francia, Rumanía, Colombia ou Brasil, entre outros”. Así mesmo, sostivo, “os contidos publicados a través destas canles superaron as 135.000 reaccións (me gusta, comentarios e publicacións compartidas) en Facebook, Instagram, Twitter e YouTube”.
Ana Abelleira de novo agradeceu ás asociacións de recreación histórica da cidade a súa implicación ano tras ano nesta festa lembrando que son persoas que se preparan durante meses para garantir a súa achega na celebración da festa, con esforzo persoal, pero tamén con “gastos e investimentos” para comprar material e manter a súa estrutura.