O Concello de Lugo lanza unha campaña de igualdade en Tik Tok, a rede social máis de moda entre os adolescentes. “O obxecto da convocatoria céntrase na reflexión e a capacidade creativa dos adolescentes en canto a igualdade de xénero e as relacións afectivas entre mulleres e homes, así como o rexeitamento e a prevención da violencia de xénero” sostén a edil de Xuventude, Ana González Abelleira, que destaca que se decantou por esta aplicación por estar en auxe entre a mocidade ao longo do confinamento.

Os obxectivos desta campaña son: contribuír a estender o coñecemento sobre igualdade entre a mocidade, poñer en valor a igualdade entre os grupos de idade máis novos e evidenciar a desigualdade real aínda existente na nosa sociedade e nas nosas contornas.

O Concello de Lugo lanza unha campaña de igualdade en Tik Tok

Nesta proposta, con contidos animados e frescos, empregaranse persoas con perfís activos en Tik Tok para que sexan protagonistas dos vídeos e poidan promover as mensaxes no perfil creado para este fin @XuventudeLugo.

Realizaranse un máximo de 10 vídeos con 5 tiktokers e 5 liñas temáticas que buscan ilustrar os roles de xénero, a desigualdade e a violencia contra as mulleres. Estas son as cinco: oficios, coidados, entretemento, estereotipos e celos. Dentro de cada área temática realizaranse dous vídeos abordando dúas realidades diferenciadas, pero serán protagonizadas por dous tiktokers diferentes.

Os mozos e mozas que se animen a participan terán liberdade creativa para seguir todos e cada un dos challenges.