O lucense Sergio Marey «Premio Auditorio de Galicia para Artistas Noveis»
«Cruceiro a Santa Librada e demais mártires disidentes»,a peza que lle valeu este premio é un traballo en barro de Buño, madeira, metal, corda, ladrillo e ceras de cores

O xurado conformado pola concelleira Míriam Louzao, a artista e docente da Universidade de Vigo Covadonga Barreiro Rodríguez-Moldes, a escritora e crítica de arte de El Cultural María Marco Covelo, o ex-director de actividades públicas do Museo Reina Sofía Germán Labrador Méndez e a comisaria independente Oliva María Rubio distinguiu co primeiro premio a proposta artística de Sergio Marey (Pol, 1997). 

Titulada Cruceiro a Santa Librada e demais mártires disidentes, a peza que lle valeu este premio dotado con 6.000 euros, é un traballo que afonda na violencia ascendente experimentada nos últimos anos polo colectivo LGBTIQA+ e que se erixe como monumento de memoria ás vítimas.

Fonte: https://www.compostelacultura.gal/

Na presentación a obra, Marey salienta que “os cruceiros son representacións da arte popular a través dos cales os galegos representaban diferentes fitos como mortes violentas, lugares de culto pagáns, agradecemento… Simbolizan feitos de carácter cristián ou non, mais utilizan a relixiosidade como expresión e atopan nela maneiras de subverter os dogmas impostos. Deste mesmo xeito tomo a relixión e os seus elementos para representar o colectivo, pois dentro dela existen diversas persoas santificadas e/ou veneradas con sexualidades e xéneros diversos. Trátase dun xeito de amosar que sempre fomos representades, sexa na relixión, na arte, na cultura… e que xa que logo sempre existimos malia a que nos queiran ocultar” 

A peza está na mostra Décimo Terceiro Premio Auditorio de Galicia para Artistas Noveis, unha escolma de 33 traballos que o xurado seleccionou entre as 83 propostas que concorreron ao premio, e que permanecerá no Auditorio de Galicia até o 25 de febreiro.

SERGIO MAREY

Artista multidisciplinar é un dos responsables da Galería Solaina, a Casa dos Cravos e o Encontro de Fanzines Vaia Vaia entre outras propostas culturais vitais para a cidade de Lugo

Premios Auditorio de Galicia para Artistas Noveis

De periodicidade bienal, a convocatoria dos Premios Auditorio de Galicia para Artistas Noveis procura fomentar os valores culturais e a promoción de artistas emerxentes do país, estimular o seu labor creador e apoiar e incentivar a creación e difusión das súas obras. Circunscrito ao ámbito autonómico, o certame diríxese a artistas de traxectoria non consolidada co albo de ampliar a súa visibilidade e contribuír ao enriquecemento e coñecemento da creación contemporánea e ao patrimonio cultural galego.