Chega un ano máis a cita favorita para a xente apaixoada da fotografía en Lugo: o Maratón Fotográfico que convoca o programa «Lugo Cultural» celebraráse esta fin de semana, concretamente, o domingo 22 de novembro aínda que o prazo de inscrición – atención – remata este venres.
Tres premios, Premio Carlos Valcárcel á mellor fotografía do certame, Premio Eduardo Ochoa á mellor fotografía do tema proposto e Premio á mellor fotografía do tema libre; e unha exposición están en xogo.
O Maratón Fotográfico do Campus de Lugo adáptase á nova situación derivada da pandemia provocada pola COVID-19 e na súa vixésima sexta edición lanza a súa primeira convocatoria en liña, que se celebrará este domingo 22 de novembro. As persoas interesadas en tomar parte nesta iniciativa
artística, dotada con 900 euros en premios para as imaxes máis valoradas en cada categoría e aberta a maiores de 18 anos, deberán cubrir o formulario de inscrición accesible na web de Lugo Cultural e envialo cos seus datos ao enderezo de correo electrónico cultura.lugo@usc.es ata as 13.00 horas do venres 20 de novembro.
Unha vez completado este trámite, os solicitantes recibirán no seu enderezo electrónico unha mensaxe coa ligazón da plataforma dixital á que deberán conectarse o domingo 22 para participar na sesión informativa telemática programada para as 9.00 horas e durante a
que se dará conta do tema proposto pola organización.
Do mesmo xeito que en anos anteriores, a convocatoria de 2020, impulsada pola USC, Deputación de Lugo e Concello de Lugo ao abeiro do convenio Lugo Cultural, ofreceu aos afeccionados ao sétimo un prazo de 24 horas ininterrompidas para a toma de imaxes cos que concorran ao concurso, un material inédito que deberán achegar antes das 10.30 horas do 23 de novembro ao enderezo de correo electrónico cultura.lugo@usc.es Tamén se pode obter máis información a través do número de teléfono 982 821 513.
O XXVI Maratón Fotográfico do Campus desenvolverase exclusivamente en modalidade dixital, segundo se recolle nas súas bases, e as persoas participantes poderán presentar unha fotografía a cor ou en branco e negro na categoría de modalidade libre ou na corresponde á temática proposta pola organización. Todas as imaxes presentadas a concurso deben ir acompañadas dun título ou frase cunha extensión máxima de 20 palabras.
Premios
O XXVI Maratón Fotográfico do Campus contempla tres galardóns para as imaxes máis valoradas polo xurado, que outorgará o Premio Carlos Valcárcel, dotado con 350 euros, trofeo e diploma, á mellor fotografía desta edición do certame. O Premio Eduardo Ochoa, dotado con 300 euros, trofeo e diploma, distinguirá a mellor fotografía do tema proposto pola organización, mentres que a imaxe máis valorada polo xurado das presentadas na modalidade de tema libre recibirá unha gratificación en metálico de 250 euros, ademais de trofeo e diploma. Asemade, todas as persoas que tomen parte nesta iniciativa artística recibirán cadanseu diploma.
O fallo do xurado, cuxa composición será determinada polos organizadores, será inapelable e farase público o 10 de decembro na Biblioteca Provincial de Lugo, na sesión inaugural da Mostra Fotográfica do Maratón, unha exposición que permanecerá aberta ao público ata o 31 de decembro e da que formarán parte as 20 fotografías máis valoradas polo xurado. A entrega de premios desenvolverase en parello á apertura desta mostra.