O Pazo de Montenegro reforzará a imaxe institucional da USC e a súa presenza na cidade de Lugo como espazo cultural.
O Pazo de Montegro mantén as funcións de espazo institucional e de representación da USC en Lugo, ao tempo acubillará as actividades culturais xa previstas e incluso verá reforzada a súa actividade coa posta en marcha das diferentes accións culturais incluídas no programa Impluvium, unha nova proposta que xa temos moi avanzada e que contribuirá a encher de vida un edificio, cuxa planta inferior acollerá unha tenda institucional da USC.
A apertura desta nova instalación nun enclave conectado coa Casa do Saber e co Museo Universitario A Domus do Mitreo, que este ano xa recibiu máis de 18.000 visitantes, dos que preto dun 10% procedían do estranxeiro e máis da metade doutras rexións españolas distintas a Galicia, reforzará tamén os fluxos turísticos neste enclave do caso histórico de Lugo, no que conflúen tres Patrimonios da Humanidade.
A celebración das sesións do ciclo de divulgación científica ‘DivúlgaT’, proxectadas para este mes de novembro na Casa do Saber, a organización dos obradoiros deseñados no marco da iniciativa ‘Corresponsables’, promovida en colaboración coa Xunta de Galicia e na que se agarda de participación de arredor de 500 mozos e mozas, constitúen, entre outras, algunhas das accións máis ou menos inmediatas que se desenvolverán nos distintos espazos do Pazo de Montenegro, indicou o reitor Antonio López no marco dun acto no que estivo acompañado polo vicerreitor de Organización Académica e Campus de
Lugo, Francisco Fraga, e pola delegada da USC para o Campus Terra, Elvira López Mosquera.