O Servizo de Medio Ambiente da Deputación de Lugo pon en marcha, unha nova programación que inclúe cinco actividades gratuítas para fomentar o ocio saudable entre os veciños e as veciñas da provincia na contorna da Reserva da Biosfera Terras do Miño.
Estas propostas levaranse a cabo dende o xoves, 16 de setembro, ata finais de ano e están pensadas para o público en xeral ou para o familiar.
As actividades levaranse a cabo, principalmente, no Centro de Interpretación Terras do Miño e as persoas interesadas xa poden inscribirse a través da páxina web da institución provincial http://inscricions.deputacionlugo.org/gl/tema/actividades-medioambientais.
A primeira proposta será unha conferencia sobre os Macrofungos no noso medio, destinada a adultos. No mes de setembro tamén se levarán a cabo as actividades Cores de outono e a Interpretación dos fungos no medio ambiente do 20 ao 24 de setembro e o 25 de setembro, respectivamente.
En outubro, do 18 ao 22, levarase a cabo O balcón comestible: horticultura en macetas.
Novembro será o mes onde se leven a cabo a meirande parte das actividades, cun curso completo sobre O reino fungi na natureza, con parte teórica e práctica, ou a Iniciación e boas prácticas medioambientais na produción de mel, que se levará a cabo do 15 ao 26 en horario de mañá.
As actividades continuarán o 20 de novembro coa Práctica de recoñecemento de macromicetos e un Obradoiro de Cestaría, do 29 de novembro ao 3 de decembro. O programa remata con dous talleres enfocados á tapicería, do 13 ao 17 de decembro, e á ecoloxía no Nadal, do 27 ao 30 de decembro.
As iniciativas, debido ás actuais restricións sanitarias, contan cun número de prazas reducido e os interesados e interesadas en participar deberán inscribirse con anterioridade. As persoas interesadas poden recibir máis información na web da institución provincial, no teléfono 982.305.930 ou no correo und.medioambiente@deputacionlugo.org