‘Petíscame’ – O videopodcast lucense sobre creadoras galegas.
A profesora Rocío García Pedreira, da Facultade de Formación do Profesorado Lugo, coordina esta actividade, na que uns 50 estudantes, estruturados en grupos, terán a oportunidade de entrevistar a creadoras vinculadas co mundo dos álbums ilustrados, cómics e obras literarias dirixidas á infancia e xuventude.

A entrada é libre e gratuíta ata completar cabida.

Comeza o martes 14/03 ás 17.30 horas, con entrevistas a Inés Vázquez e Lucía Cobo,

O obxectivo desta proposta formativa, contextualizada no ámbito da materia Literatura e Arte e que conta con financiamento do Servizo de Normalización Lingüística da USC, pasa porque o alumnado universitario elabore videopodcasts de divulgación en galego sobre o mundo dos libros e da ilustración a partir de entrevistas a creadoras galegas.

Alén deste cometido xeral, o videopodcast sobre libros e ilustracións con creadoras galegas ‘Petíscame’ busca contribuír a formentar o uso do galego por parte do futuro profesorado da educación infantil e primaria, ademais de desenvolver habilidades orais, aumentar a motivación do alumnado pola propia aprendizaxe mediante a utilización de metodoloxías activas, participativas e colaborativas, elevar o coñecemento sobre o sector editorial galego e sobre a ilustración, e fomentar a creatividade e a capacidade reflexiva do alumnado.

Daquela, ao tratarse dunha actividade académica planificada para este segundo semestre do curso, este videopodcast sobre libros e ilustracións en galego traerá durante as próximas semanas como convidadas á Facultade de Formación do Profesorado de Lugo outras creadoras galegas e de fóra de Galicia, tal e como o son Estefanía Padullés, Nuria Díaz, Iria Fafián, Paula Cheshire, Laura Suárez e Bea Gregores.

As sesións de gravación desenvolveranse na aula de música do propio centro universitario, onde o alumnado, logo de documentarse sobre as artitas convidadas e respecto da súa obra creativa, editarán videopodcast que logo estarán accesibles no blog ‘Petiscando libros’ .