Programación de actividades polos 60 anos do Club Cultural Valle-Inclán.
O 15 de febreiro de 1.966 constituíuse oficialmente en Lugo o Club Cultural Valle–Inclán. Van aló 60 anos. Para conmemorar esta efeméride editan un libro sobre a súa historia e propoñen un programa de actividades abertas a toda a cidadanía, do que destacamos:
CICLO “AGORA NON É ANTES”
En 1.966 Galicia e todo o estado español viviamos na ditadura franquista. Hoxe vivimos nun nunha democracia liberal. Será así mañá?
23/03 Presentación do libro de Antón Baamonde «Agora non é antes»
23/04 O antes. Mesa redonda con políticos de Lugo en activo nos anos 1.960/70.
07/05 O agora. Mesa redonda con persoas das xeracións posteriores á transición.
28/05 Conferencia de Antón Losada: «O estado do mundo hoxe e nós. Está en perigo a democracia?»
INFORMACIÓN de cada actividade:
Presentación do libro de Antón Baamonde «Agora non é antes»
23 de marzo de 2026
Hora: 19:30
Salón de Actos da Deputación de Lugo
Entrada de balde
Con:
- Antón Baamonde, filósofo e escritor.
- Manuel Gago, profesor e dinamizador cultural.
- Presenta, Felipe Arias Vilas, vicepresidenta do C. C. Valle -Inclán.
Antón Baamonde
Antón Baamonde (Vilalba, 1959) é un pensador: filósofo, ensaísta e articulista, intenta entender e captar Galicia desde outro ángulo, desde un ángulo diferente do habitual. Pensa que, para encarar o futuro, debemos recoñecernos no que realmente somos, non nun imaxinario do pasado, tópico e irreal.
”Combater os clixés, transformar o modo en que nos imaxinamos, abandonar a retórica da pasividade, enfocar o pais de un modo mais plausible” é o que propón o seu último libro, “Agora non é antes”, que leva por subtítulo “Ideas para unha revolución tranquila”.
“Sería posible que o fenomenal cambio económico e social que viviu Galicia nas últimas décadas abrise o camiño a unha transformación política e cultural? Sería posible un camiño propio, un modelo de modernización coherente, unha nova narrativa colectiva? Sería posible, indo mais aló, unha Galicia que axude a construír unha España policéntrica e un pacto federal, integrada na Unión Europea?” son preguntas para un debate ao que Antón Baamonde nos convida o próximo 23, no Salón de Actos da Deputación.
Mesa redonda con políticos de Lugo en activo nos anos 1960/70
23 de abril de 2026
Hora: pendente
Salón de Actos da Deputación de Lugo
Entrada de balde
Con:
- Carlos Dafonte Díaz
- Lois Diéguez Vázquez
- Alfredo Sánchez Carro
- Cándido Sánchez Castiñeira
- Miguel Vázquez Calvo
- Presentador- Moderador/a: Santiago Fernández Rocha
Como era a vida e a actividade política nos anos 60/70 do século pasado, cando se funda o Club Cultural Valle – Inclán?
Contaránolo cinco oradores/as, de diversas ideoloxías e militancia, que viviron moi activamente os anos 60 e 70 cando se fraguou a gran transformación política na que eles foron parte activa. Presentaraos e coordinará o acto unha cualificada testemuña da época: Santiago Fernández Rocha, político e articulista hoxe en diversos medios.
Como era e como viviron aquel momento? A que aspiraban e que fixeron para conseguilo? Foi a democracia unha concesión das elites ou unha conquista lograda pola cidadanía con sacrificio, esforzo e risco? Que balance farían hoxe, medio século despois? A estas e outras preguntas, esperamos que dean resposta os convidados a esta mesa redonda que formará o cartel deste acto.
Mesa redonda con persoas das xeracións posteriores á transición
07 de maio de 2026
Hora: pendente
Salón de Actos da Deputación de Lugo
Entrada de balde
Con:
- Alicia Carballedo Portela. Xornalista. Directora de Radio Lugo – SER.
- Olga Louzao Aldariz. Licencidada en Ciencias Políticas.
- Serxio María Rodríguez Álvarez. Politólogo e historiador galego.
- Fernando Suárez Barcia. Grao en Relacións Laborais e Recursos Humanos.
- Presentador/moderador: Xosé Ramón Cando Vázquez, filósofo e escritor.
Que pensan as xeracións que naceron con posterioridade aos anos 70 sobre aquela Galicia e a Galicia de hoxe, sobre aquel mundo e o mundo de hoxe?
Con frecuencia escóitanse voces de insatisfacción co presente e mesmo de desafección co sistema. Semella que se está estendendo unha desconfianza e un retroceso respecto a todo aquelo que, noutra hora, simbolizaba o avance e a ilusión. Contra o que cabía agardar, parece que isto acentuase nas xeracións mais xoves, particularmente nos varóns destas xeracións. Que hai de todo isto?
Para contestar a estas preguntas imos contar con catro persoas, de ámbitos e de profesións diversas; algunhas participaron activamente na actividade política e outras non pero todas elas comparten unha preocupación polo seu entorno e polo mundo en que viven, en que vivimos.
O presentador será Xosé Ramón Cando Vázquez, membro do Grupo Doxa de Filosofía. Foi profesor desta materia no Instituto Nosa Señora dos Ollos Grandes de Lugo. Publica periodicamente no diario El Progreso.
Conferencia «O estado do mundo hoxe e nós. Está en perigo a democracia?»
28 de maio de 2026
Hora: pendente
Salón de Actos da Deputación de Lugo
Entrada de balde
Con: Antón Losada, profesor, periodista, escritor e político. Presenta: Tonina Gay, presidenta do Valle Inclán.
Hai quen pensa que a democracia é o estado normal das sociedades, algo natural e consubstancial as sociedades europea e de EE.UU.principalmente. En consecuencia, a hipotética desaparición de dereitos e liberdades consubstanciais á democracia van ligados principalmente a golpes de estado militares,considerados altamente improbables neste contexto. A vista do que ocorre no mundo a día de hoxe, podemos pensar así, pode alguén seguir pensando así?
Tamén hai quen pensa que a eficiencia debe estar por enriba da democracia e que un goberno dirixido por un CEO ( como si o estado fora unha empresa) xestionaría mellor, con mais eficacia os asuntos públicos que un Presidente electo democraticamente.
Mentres tanto, moitos cidadáns séntense confundidos, desatendidos e desesperanzados. Cansos de agardar, orfos de expectativas, desconfían das institucións democráticas.
Iso está pasando a ollos vista e non sabemos moi ben qué facer.
Antón Losada ( Xove, 1.966) profesor na USC, periodista, escritor e político, acredita coñecemento, experiencia e un brillante currículo para afrontar este tema, coa agudeza e a intelixencia que o caracterizan. É, ademais, coetáneo do Club Cultural Valle Inclán, xa que ambos naceron nos primeiros meses de 1.966.

























