A lucense Nieves Neira, xornalista e poeta, será a oferente a Rosalía do San Froilán 2021
Aínda falta un mes para o San Froilán 2021 pero xa temos algunhas novidades:
A edil de Cultura, Turismo e Promoción da Lingua, Maite Ferreiro informou do nome escollido pola Comisión para a ofrenda a Rosalía desta edición do San Froilán. A encargada será a poeta e xornalista de El Progreso Nieves Neira.
Nieves Neira (Lugo, 1983) é licenciada en xornalismo pola Universidade de Salamanca, e conta cun posgraduado en Cultura Portuguesa Contemporánia na Universidade Aberta de Lisboa. Traballa no diario El Progreso desde o ano 2013. No ano 2020 gañou o premio Johán Carballeira de Xornalismo pola reportaxe A fotografía, revelada, onde aborda a vida de Maruja Roca, pioneira da fotografía galega. Neira forma parte da Asociación para a Promoción das artes escénicas 3monos e do padroado da fundación Uxío Novoneyra.
Ademáis:
Ferreiro deu conta aos grupos municipais dos avances realizados na contratación do alumeado e da produción do evento, e informou que “este ano contaremos con tres escenarios principais, situados nas prazas Horta do Seminario, Santa María e no aparcadoiro do Auditorio Municipal Gustavo Freire”.
Maite Ferreiro explicou que “contaremos tamén cos espectáculos para público familiar do San Froilán Miúdo no recinto do aparcadoiro municipal e con actividades na carpa da praza da Soidade”. A área de Cultura está xa a ultimar os pregos para activar o procedemento de contratación no menor prazo de tempo posíbel
A edil de Cultura explicou que “a todas as integrantes da Comisión nos gustaría que esta edición do San Froilán fose unha edición normal, pero compartimos que o importante é garantir a saúde e facer un San Froilán digno pero seguro”.
Recinto Feiral
Ferreiro afirmou que “o protocolo da Xunta de Galiza require dun importante esforzo para permitir as dimensións do recinto feiral do San Froilán”, e explicou que “a proposta do goberno vendo esta situación é non habilitar este espazo nesta edición do San Froilán”. “Aceptamos a proposta da oposición e continuaremos a explorar vías para valorar a viabilidade de colocar o recinto feiral este ano”, declarou Maite Ferreiro.