Os camiños centran a temática dun seminario sobre patrimonio cultural do 25 ao 27 de setembro na Estación Científica do Courel
O programa inclúe seis relatorios e un percorrido polo ‘Camín dos Cangos’. A inscrición está aberta e é de balde no enderezo electrónico estacion.courel.inscricións@usc.es
III Seminario o patrimonio cultural do Courel

Os camiños do Courel, así como a súa importancia e posta en valor, serán obxecto de análise e debate no marco da terceira edición do seminario sobre o patrimonio cultural courelá, un foro promovido desde o campus de Lugo da USC en colaboración coa Asociación de Desenvolvemento Rural do Courel e a Deputación Provincial de Lugo, que se desenvolverá do 25 ao 27 de setembro, nas instalacións e nos exteriores da Estación Científica do Courel.

Esta actividade de divulgación científica é de carácter gratuíto para as persoas interesadas, que poden formalizar xa a súa inscrición de balde no enderezo electrónica estacion.courel.inscricions@usc.es. O aforo está limitado a un máximo de 20 persoas, a fin de cumprir a normativa derivada da pandemia provocada pola COVID-19. Os relatorios serán gravados para a súa posterior difusión en liña.

O militar, historiador e escritor Xosé Fortes abrirá o 25 de setembro, ás 18.30 horas, o programa de relatorios do III Seminario O Patrimonio Cultural Courelá cunha intervención baixo o título ‘Os Viaxeiros da Luz no Courel. 30 anos dunha viaxe a cabalo por Galicia’. Logo desta primeira sesión, o programa do foro promovido pola Estación Científica do Courel, un centro da USC que coordina o catedrático na Escola Politécnica Superior de Enxeñaría do Campus de Lugo Antonio Rigueiro Rodríguez, continuará o sábado 26 cun amplo panel de conferencias en quenda de mañá e tarde.

A licenciada en Ciencias Políticas e da Administración pola USC e Diploma en Estudos Avanzados pola Universidade de Granada Branca Novoneyra, que tamén é concelleira de Compostela Aberta en Santiago, abrirá a quenda de intervencións ás 10.00 horas co relatorio ‘Ámeto mítico. Residencias literarias itinerantes no Camiño de Santiago’. Unha vez rematada esta intervención, o investigador do CSIC – INCIPIT e especialista en arqueoloxía da paisaxe David González-Álvarez ofrecerá a charla ‘As montañas como áreas de encontro: camiños, pastores e rabaños na construción das paisaxes culturais da Cordilleira Cantábrica’.

A sesión matinal chegará ao seu colofón cunha exposición titulada ‘O castelo do Carbedo e a Orde de Santiago’, a cargo de Julio Vázquez Castro, profesor titular de Historia do Arte da USC. Xa en quenda de tarde, o traballador social do Courel Xesús A. Parada Jato acompañará a comitiva participante no curso nun percorrido polo chamado ‘Camín dos Cangos’, cuxo itinerario é o do antigo camiño real que ía polo val do río Pequeno.

O III Seminario O Patrimonio Cultural do Courel concluirá o domingo 27 cunha sesión matinal que inclúe dous relatorios. A primeira sesión comezará ás 11.00 horas e correrá a cargo da doutora en Historia pola Universidade de Sevilla Ruth Pliego Vázquez, que ofrecerá a charla ‘A moeda sueva e visigoda na Gallaecia: a ceca de Laure’. O profesor ad honorem da USC Antonio Rodríguez Colmenero, que tamén é académico da RAG de Belas Artes, pechará este foro cun relatorio sobre as vías romanas no Courel.