A imaxe gráfica da 16ª Mostra Internacional de Cinema Etnográfico do Museo do Pobo Galego, que se celebrará do 6 ao 10 de abril en Santiago de Compostela, leva sinatura lucense: Iria Silvosa (Vilalba, 1992) e Sara Iglesias (A Mariña, 1991). O cartaz desta 16 edición fai referencia á fala, á distancia e á forma de comunicarnos entre persoas, sobre todo, neste contexto actual. Unha temática que representan a través das antenas que colonizan os tellados de calquera vila ou cidade ou dos elementos e espazos domésticos que achegan información relevante sobre o tempo e sobre quen os habita.
As autoras din sobre este traballo:
«A fogueira, o banco, a cociña da casa, o salón, a tele, todos eles foron elementos arredor dos que orbitou a nosa fala. Estes mudaron e foron quedando case obsoletos coma as antenas que seguen a manterse en pé nos tellados e que semellan o mastro das casas que se atopan atracadas. Falamos dende a distancia, sen percibila, sendo conscientes do estraño que é sentir que un espazo, de súpeto, ao colgar o teléfono, quede baleiro.
Asomarnos pola fiestra é como estar dentro dunha pantalla. Polo de agora non pasamos de nivel, quedounos quizais algunha pista por atopar.
Volvo ó sofá a ver como a xente de dentro do xogo cambia de fase.»