A concelleira de Cultura, Turismo e Promoción da Lingua, Maite Ferreiro, anunciou a volta do Combate Mural dentro da programación de arte urbano Culturban posta en marcha polo Goberno de Lugo en colaboración co Espacio Lupa Arte, dirixido polo artista local Iago Eireos.
 
«Retomamos un ano máis esta proposta que nos permite desfrutar dun gran número de intervencións artísticas por toda a cidade, mellorando a imaxe de moitas rúas de Lugo», explicou Maite Ferreiro.
 
A terceira edición do Combate Mural terá lugar o vindeiro 10 de decembro. No evento participarán 10 muralistas que se seleccionarán segundo a súa traxectoria artística por un xurado relacionado co mundo das artes plásticas.
 
As inscricións poderán realizarse ata o vindeiro 2 de decembro, e as e os artistas interesados en participar deberán achegar un currículo e un dossier cos seus proxectos e traballos máis relevantes.
 
O 5 de decembro comunicaranse os artistas seleccionados para participar no III Combate mural, que terá lugar entre as 9 e as 18 horas do sábado 10, cunha pausa para xantar. O xurado escollerá 3 gañadores, que levarán premios por valor de 1.200, 800 e 600€, xunto con dous accésits de 200€.
 
“Un ano máis aquelas persoas que se acheguen polo combate mural poderán desfrutar do proceso creativo das artistas en vivo, asistindo así a todo o proceso artístico, dende o bocetado até o resultado final e achegando deste xeito, unha vez máis, a arte a toda a cidadanía facéndoa visible e tomando as rúas coa actividade cultural”.