Carmen Basadre presentou a programación, que arrincará este domingo 31/03 e se desenvolverá todos os domingos, agás o que coincide co Arde Lvcvs e o Domingo das Mozas, ata o 22 de decembro 
As persoas interesadas poden inscribirse na Oficina Municipal de Turismo ata as 14:00 horas do día anterior á andaina. 

Marzo 2019 Chega unha nova edición do plan turístico Terras de Auga e Cultura, que inclúe un total de 40 rutas pola cidade, o rural de Lugo e municipios limítrofes. Trátase de andainas guiadas que arrincarán este domingo, 31 de marzo, e terán lugar todos os domingos ata o 22 de decembro, excepto o domingo de Arde Lvcvs e o Domingo das Mozas. A programación arrincará cunha ruta baixo o nome de Fidalgos e Labregos no Camiño Primitivo.

As visitas versarán sobre 5 temáticas distintas, 8 rutas por temática: xeoloxía, bioloxía, antropoloxía e etnografía, patrimonio histórico-artístico e arquitectura e deseño. Recorrerán o casco histórico de Lugo, pasando polos tres Patrimonios da Humanidade, así como as parroquias de Adai, Bocamaos, Meilán, O Veral, Ombreiro, Orbazai, San Lázaro da Ponte, Roméan, San Xoán do Alto, O Burgo, Poutomillos, Prógalo, Bacurín, Santalla de Bóveda, San Pedro de Mera, Coeses, Gondar, Bascuas, Carballido, Coeo, Nadela, Muxa, Teixeiro, Conturiz (Castro), Piñeiro, Piúgos, Ribas de Miño, Santa Comba e Castelo, e tamén os municipios limítrofes do Corgo, Rábade, Guntín, Palas e Friol.

Este ano, como novidade haberá unha andaina pola Vía Küning, que se suma á da Vía XIX e do Camiño Primitivo.

Ao longo dos últimos anos, esta programación promovida polo Concello leva 197 visitas feitas, cunha media de participación entre 28 e 35 persoas. En total preto das 6000 persoas recorreron xa algunha das rutas. O público asistente, dentro de Galicia, é de Santiago, A Pontenova, A Coruña, Ourense, Lalín, Vigo ou Pontevedra. Do resto do territorio, destacan participantes de Madird, Barcelona e  País Vasco, e xa no edio internacional, Francia, Italia e Portugal. 

programacion-terra-auga-cultura-lugo
Horarios e inscrición

As andainas desta programación desenvolveranse de 10:30 a 19:00 horas, de abril a outubro, e de 10:30 a 18:00 horas, nos meses de horario de inverno. Teñen como punto de saída e de regreso a parada do bus urbano situada diante do Seminario Maior, na rúa Anxo López Pérez.

A inscrición realizarase do mesmo xeito que nas anteriores edicións, é dicir, na Oficina Municipal de Turismo, na Praza do Campo, ata as 14:00 horas do día anterior á celebración da excursión. O número máximo de persoas participantes será de 35, pero algunha delas ten aforo limitado a 25.

Clica nas fotos para ver os folletos máis grandes: