O coronavirus marca as nosas vidas. A cultural tamén. O esforzo que están a facer os promotores culturais para voltar á «normalidade» dentro deste mundo de distancias, mascarillas e xabón é máis que salientable. Froito dese esforzo, desa capacidade de adaptación, da súa imaxinación, en Lugo temos tres novos espazos culturais: o paseo/xardín arredor da muralla, a Canella do Hospital e o atrio da catedral/terraza da Casa do Saber.
O paseo/xardín arredor da muralla de Lugo é o escenario principal do ciclo «Muralleando Sen Parar» que promove Cultura, Turismo e Promoción da Lingua. Os venres, sábado e domingo, artistas da cidade situados en distintos puntos da Ronda dan concertos para os paseantes (e os que non, xa que mantendo as distancias un pode ver o concerto que máis lle guste enteiro). Unha forma de dar a coñecer a calidade do sector musical lucense (grupos, artistas, técnicos…) e de «imaxinar» o potencial que ten o paseo peonil arredor da muralla para programar actividades. A posta en escena é humilde de máis pero nestes tempos o importante é facer cousas, probar, testar e tomar boa nota de que é moi factible e necesaria esta proposta mellorando a «vestimenta».
Programa do Muralleando – consultar axenda semanal –
A Canella do Hospital (por favor que alguén lle poña un nome á praza onde son os eventos, suxerimos Praza Carlos Valcárcel, o noso gran fotógrafo, que ben a merece) acolle o ciclo «Tarde e tardiña». Ciclo, promovido por Cultura, Turismo e Promoción da Lingua, que ten lugar os mércores con actuacións para peques pola tarde e para adultos na tardiña. O espazo é magnífico para programar arte e cultura na cidade, e neste caso, a programación é moi completa «e altamente recomendable» como dixo Lois Pérez a primeira tardiña. Se ben a acústica non é perfecta, escollendo actividades que non fagan «sudar tinta» aos do son, agardamos máis eventos neste enclave tan ben situado en pleno centro de Lugo.
Fotografías da Canella do Hospital con todas as medidas sanitarias e seguridades tomadas. Actuación de Lois Pérez.
O atrio da catedral para o público e os artistas na terraza da Casa do Saber foi a alternativa que atopou a organización do Lugo Cultural para continuar coa súa programación e sentarse ante a inmensidade do ceo, nese espazo aberto, rodeados por tres patrimonios da humanidade vendo un concerto (ou a Noita na Domus, que foi a que inaugurou o programa)…é todo un luxo. Se dan máis facilidades para a ir recoller as entradas estamos seguros que estarán sempre cheo.
Tres espazos culturais en Lugo, na rúa, que contan agora mesmo con programación aberta e gratuíta para todo o mundo. Das cousas malas sempre sale algo bo. A raíz do coronavirus temos tres novos espazos para disfrutar, con cousas a mellorar, pero todo ten un comezo…e o do arranque da vida cultural en Lugo é máis que prometedor (recordamos que Clavi xa está programando regularmente).
Somos a axenda cultural de Lugo e o medio dixital onde enterarte de tódolos eventos culturais e de ocio da cidade: concertos, teatro, exposicións, cine, espectáculos, presentación de libros, danza…
Contacta: vivalugo@vivalugo.es
© 2018 Viva Lugo | Deseño web feito co ♡ por El cielo del norte