A Cátedra José Ángel Valente de Poesía e Estética, dirixida polo escritor Claudio Rodríguez Fer, conmemorou na Facultade de Filoloxía da Universidade de Santiago de Compostela, o centenario de Luz Pozo Garza, poeta admiradora e cantora de Valente.
Agora, con motivo da celebración do Día Internacional das Mulleres, este 8 de marzo, presenta na Canle Youtube da Cátedra Valente un resumo en vídeo deste encontro que pode verse en aberto: https://youtu.be/7aEoGVftHHE
Abriu o acto, en condición de vicedecana da Facultade de Filoloxía da USC, a doutora Rosa Marta Gómez Pato, profesora e estudosa de Valente, e logo interviñeron quince especialistas na obra dos dous autores irmandados nesta xornada organizads en catro bloques temáticos.
O primeiro bloque, titulado “Luz Valente”, contou co poeta e doutor Claudio Rodríguez Fer, estudoso de Luz e de Valente e profesor da USC, quen falou de “Flor e fulgor”; Iria Moreiras, investigadora e docente, que se ocupou do “Cuestionario Proust a Luz Pozo Garza”; a doutora Carmen Blanco, escritora e estudosa de Luz e de Valente e profesora da USC, que retomou o título do seu libro Luz Pozo Garza. A ave do norte, primeiro feito sobre a autora; a doutora Olivia Rodríguez González, investigadora e estudosa de Luz e profesora da UdC, que retomou o título da exposición Constelación Luz que comisariou con motivo deste centenario, e a poeta e doutora Olga Novo, ensaísta e estudosa de Luz e de Valente e profesora de IES, que tratou de “Antologar Luz”.
O segundo bloque centrouse en “Traducir Luz”, e nel interviñeron a doutora pola Universidade da Alta Bretaña e catedrática de IES María Lopo, ensaísta e estudosa de Valente e tradutora de Luz ao bretón na súa antoloxía Barzhaz Bihan Galiza; a doutora pola Universidade de Bucarest e investigadora da USC Adina Ioana Vladu, poeta, estudosa de Valente e tradutora de Luz ao inglés na súa antoloxía Unha camelia / One Camellia Blossom, e a doutoranda da USC Ekaterina Yakovleva, lingüista e tradutora de Luz ao ruso, que estreou a súa versión do poema erótico “Astrolabio”.
O terceiro bloque, titulado “Revistas con Luz”, abordou a relación da poeta coa prensa literaria, comezando pola publicación Mensajes de Poesía, promovida polo poeta Eduardo Moreiras, da que se ocupou Manuel Naveira, investigador e coeditor do dita revista no Centro Ramón Piñeiro, seguido pola poeta Tamara Andrés, coeditora do mesmo medio na mesma institución, que se centrou na participación de Luz nel. Das revistas dirixidas pola propia Luz se ocuparon a doutoranda sobre as colaboracións en prensa de Luz e profesora de IES Cristina Negreira, quen se centrou en Nordés, e o doutor Armando Requeixo, crítico e estudoso de Luz e de Valente, ademais de profesor da USC e secretario do Centro Ramón Piñeiro, quen se centrou en Clave Orión, que na súa etapa final el mesmo editou. A continuación, a poeta e xestora cultural Cristina Fiaño, editora gráfica de Luz e estudosa de Valente ocupouse da presenza de Luz en Unión Libre, onde ela mesma maquetou a súa Arte epistolar.
O bloque final estivo dedicado á “Creación de Luz” e nel a xove investigadora predoutoral sobre Valente Laura Paz Fentanes, da USC, tratou da presenza do citado autor na poesía de Luz. Seguidamente, en condición de fillo de Luz, Gonzalo Vázquez Pozo, pronunciou unhas palabras en nome da familia. Para finalizar, tivo lugar un recital poético de clausura en homenaxe aos dous poetas irmandados, a cargo de Carmen Blanco, Olga Novo, Adina Vladu, Cristina Fiaño, Tamara Andrés e Claudio Rodríguez Fer.