MAR 2018 A terceira edición do certame audiovisual ‘Findecurta’, unha iniciativa programada ao abeiro do convenio Lugo Cultural e que busca servir de impulso a novos creadores audiovisuais, desenvolverase entre o 13 e o 17 de abril de 2018. Os promotores deste certame agasallarán con 500 euros a proposta gañadora, ao tempo que garantirán ás dúas candidaturas máis valoradas a proxección dos seus traballos audiovisuais na 40º Semana de Cine de Autor de Lugo, na que poderán competir polos premios á mellor curtametraxe galega.
As bases da convocatoria do III ‘Findecurta’ están accesibles na páxina web www.lugocultural.es, onde tamén se pode atopar información polo miúdo do prazo e inscrición para tomar parte neste certame, que se manterá aberto desde o 21 de marzo ata o 11 de abril nas dependencias da oficina de cultura da USC no Campus Terra. O público interesado tamén pode solicitar máis información a través do enderezo de correo electrónico cultura.lugo@usc.es ou no teléfono 982 821 513.
Os representantes de equipos ou participantes individuais están convocados o 13 de abril a unha sesión informativa, na que se explicarán os retos que deberá cumprir cada curta.