A programación cultural regresa ó Escenario Hipócrita

Hipócrita Teatro retoma a programación cultural no seu Escenario (Rúa Doutor Gasalla 18) o día 28, coa primeira das sete funcións previstas para o último tramo do ano, que sempre terán lugar o segundo e o cuarto sábados de mes.

O sábado 28 ás 20h, o grupo Desfeita Teatro, de Vigo, abrirá o Circuíto Galego de Teatro Amador no Escenario Hipócrita cunha peza para público familiar que leva por título A pousada do Trutú. O Circuíto promovido pola FEGATEA (Federación Galega de Teatro Afeccionado) co apoio da Secretaría Xeral de Cultura, traerá ó Escenario Hipócrita outras tres pezas, todas elas comedias.  

O 12 de outubro, Andaravía Teatro porá en escena Camiños e carreiros unha obra de Clara Gayo. 

Porta Aberta pechará a programación do Circuíto o 9 de novembro con A morte… e punto!, un espectáculo cómico onde a morte é o tema principal. 

O grupo anfitrión, Hipócrita Teatro, ofrecerá unha función da súa peza Arte o 26 de outubro.

O 23 de novembro o Escenario Hipócrita acollerá dous espectáculos unipersoais, La extranjera, unha peza de teatro físico de Stephanie Cubides, que narra o eterno conflito entre a permanencia e a partida, e Mensaxe perdida, unha peza de danza contemporánea de Lucía Álvarez, baseada nos sons das campás do Camiño Primitivo.

A programación continúa o 14 de decembro con Lear en las catedrales, un drama baseado no poema de José Hierro “Lear en los claustros”, da compañía cántabra Ábrego, cuxas pezas recibiron numerosos premios a nivel internacional.

A última función do ano terá lugar o 28 de decembro a cargo da compañía lucense Lila Teatro que poñerá en escena Rara Avis.

A programación cultural do Escenario Hipócrita conta co apoio da Área de Cultura da Deputación provincial. 

Asociación Cultural Hipócrita Teatro

www.hipocritateatro.org