A Vicepresidencia da Deputación concede máis de 430 axudas a asociacións culturais.
Iria Castro informou da aprobación da resolución provisional das convocatorias, cun investimento de 380.000 euros, destinadas á organización de eventos e a investimentos en locais .

A Xunta de Goberno da Deputación Provincial de Lug aprobou a resolución provisional das axudas de concorrencia competitiva para asociacións culturais, que contan cun investimento de 380.000 euros da Vicepresidencia da Deputación de Lugo.

A deputada de Cultura Iria Castro deu conta da resolución da dobre convocatoria, cunha liña de 255.000 euros destinada a financiar gastos de actividades culturais e outra, dotada con 125.000 euros, destinada a financiar investimentos ou compra de equipamentos para os locais comunitarios.

Dacordo coa resolución provisional, concedéronse 431 subvencións – 256 para a organización de actividades culturais  e 175 para investimentos e equipamentos  -, 95 máis que na convocatoria de 2023.

Iria Castro subliñou o incremento “das asociacións culturais que se beneficiarán destas axudas, a grande maioría deles colectivos pequenos que garanten o acceso e a participación na actividade cultural en todo o
territorio da provincia e que se sosteñen grazas á implicación desinteresada de persoas comprometidas coa cultura, coa lingua e co patrimonio”.

Iria Castro. Foto: Gab. Com. Vicepresidencia Deputación de Lugo.

A responsábel provincial explicou que “a convocatoria recibe cada ano máis solicitudes, concretamente neste ano un centenar de solicitudes máis, que son atendidas de forma individualizada por parte do servizo de cultura para facilitar a achega de documentación e outros requerimentos necesarios para o procedemento administrativo” e anticipou que “os orzamentos de 2024 recollerán un subada partida destinada a estas convocatorias para ampliar a súa cobertura”.

A resolución provisional, coa listaxe das entidades beneficiarias e as contías a percibir, publicouse no Boletín Oficial da Provincia, abríndose daquela un prazo de 10 días para a presentación de alegacións.