Benvidas ao Club
NOTA: HORARIO CORRECTO NO MUSEO DE LUGO. NO RESTO DOS MUSEOS: 17:30

Outubro 2018 «Benvidas ao club» é un documental independente da artista lucense Carmen PG Granxeiro (ver vida, obra e milagres) sobre o escándalo da Carioca en Lugo. A estrea será en Lugo este mércores no Museo Provincial ás 20:30 con entrada libre e gratuita ata completar o aforo, tamén se proxectará noutros museos da Rede Museística da Deputación de Lugo, de acordo ao seguinte calendario:

Museo Provincial de Lugo

Mércores, 31 de outubro, 20:30h.

Museo Provincial do Mar, San Cibrao-Cervo

Martes, 6 de novembro, 17:30h.

Museo Pazo de Tor, Monforte de Lemos

Martes, 13 de novembro, 17:30h.

Museo Fortaleza San paio de Narla, Friol

Martes, 20 de novembro, 17:30h.

SINOPSE

A finais de 2009 a aparentemente tranquila cidade de Lugo encabeza titulares e abre telexornais. Algunhas palabras que antes soaban lonxanas resoan coa forza do cotiá entre estradas e beirarrúas escuras baixo as luces intermitentes dos neóns. O maior sumario contra a trata visto en España dáse a coñecer aos medios logo dun ano de instrución baixo segredo de sumario. A operación Carioca entra nos fogares e pasa a formar parte das nosas conversas pero, somos conscientes do que realmente agocha?

Esta é unha viaxe ao inferno onde centos de mulleres son vítimas da corrupción e da violencia, unha viaxe salpicada polas drogas e que ten lugar a carón noso. Logo de 10 anos no subconsciente colectivo este xuízo está a piques de chegar á recta final onde policías locais e nacionais, guardias civiles, funcionarios, empresarios ou médicos conforman un entramado que ocupa miles de folios no Xulgado de Instrución nº 1 de Lugo.

NOTA DA DIRECTORA

Nas primeiras semanas de maio, logo de ter sido convidada a participar nunha asemblea da Plataforma Contra a Impunidade da Carioca -fb- , a idea de facer un documental que se puidera ver antes de que esta macrocausa chegase á fin no sistema xudicial, xa bulía na miña cabeza. Decembro de 2018 é a data que se barallaba para este feito.

As primeiras pesquisas lévanme a entrever un caso no que, a pesares de estar informada desde unha perspectiva xeral, se presenta inabarcable e, en realidade, descoñecido. A presenza deste nos medios de comunicación ao longo dos anos é ampla, nembargantes a idea que se ten del é máis ben pobre, así me aconteceu a min. Por este motivo o primeiro obxectivo foi editar unha peza que achegara unha visión global, o suficientemente estrita como para transmitir a complexidade da operación xudicial e a importancia do seu coñecemento a tódolos niveis sociais.

Este non é un traballo de investigación xornalística, máis ben é unha compilación das informacións espalladas desde diversos medios e fontes neste tempo. É un documental feito como parte do artivismo que da sentido á miña obra e un recuncho desde o que invitar á reflexión.

A AUTORA

Hai cinco anos que Carmen PG Granxeiro vive e traballa en Lugo, da súa participación en movementos sociais nacen algúns dos seus traballos neste tempo, como o documental De cara ao Miño. No audiovisual destaca tamén o seu 1948-2016. Un final para empezar, seleccionado en varios festivais nacionais e internacionais, ou Atenas Meeting point, que xira en torno ao movemento cidadán organizado en Atenas con respecto á crise das persoas refuxiadas. Todos eles enmarcados dentro do xénero documental.

Viña empregando outros soportes e traballando con artistas plásticos desde a súa estadía en Berlín e comeza a participar de experiencias colectivas artísticas na The Art House de Nova Orleáns. Deses outros formatos xurden participacións en exposicións colectivas, como a Plastika17 na Sala Apóstrophe de Vigo ou Fotogramas na Galería Etimoe de A Coruña. Experimenta co deseño gráfico e a ilustración, expón obras fotográficas na mostra individual Mentireira, na Galería Isköo de Lugo, onde tamén mestura soportes como na anterior ocasión con Resilientes. Nesta última podíase ver 20.30 hrs, mellor curta fantástica no Humus Film Fest que se celebra en La Casa Encendida de Madrid. Máis enmarcado na videocreación, o seu vídeo Etiquétame é finalista ao Premio Nacional de Videoarte de Canal+.

Benvidas ao club é o seu último traballo audiovisual, comezouno a gravar en Xuño deste ano e é presentado en outubro, ca participación da Plataforma Contra a Impunidade do Carioca.

Seguindo a tradición do cine independente e das súas variadas correntes, empregando as novas tecnoloxías como ferramentas para facer fronte ás imposicións da industria audiovisual, facendo da falta de medios un signo de distinción ético e estético, e empregando canles alternativos para a súa distribución, este documental enmárcase baixo unha licenza Creative Commons (Atribución-NoComercial-CompartirIgual)