Xuño 2018  A Concelleira de Cultura, Turismo, Xuventude e Promoción da Lingua, Carmen Basadre, deu a coñecer este venres novas actividades gratuítas para este verán organizadas polo Concello, dirixidas á mocidade, enmarcadas no programa +Xtí, de prevención de consumo de drogas, que se suman as xa anunciadas a semana pasada. 

Trátase, en primeiro lugar, de xogos tradicionais interxeracionais, como o xogo de bólas, buxainas, o xogo da rá, zancos, aro, carreiras de sacos ou o zorriago. «É un modo de pór en valor e recuperar o patrimonio lúdico espallado por toda a xeografía galega ao tempo que se ofrece unha alternativa para que participen e interactúen nenos e nenas e maiores», subliñou a edil. Xotramu e a Asociación Galega do Xogo Tradicional e Popular serán os encargados de pilotar estas novas actividades, cunha duración de dúas horas (de 18:30 a 20:30 horas)

01 de xullo no Parque de Rosalía de Castro

08 de xullo na Praza Maior

15 de xullo na Praza da Milagrosa

22 de xullo en Augas Férreas

5 de agosto na Praza Anxo Fernández Gómez 

12 de agosto na Praza Roxa

As rutas de sendeirismo na natureza son outras das alternativas. Serán un total de oito e comezarán o 9 de xullo, coa andaina As ribeiras altas, Miño arriba. O calendario de excursións continuará o 11, 16, e 18 de xullo; e o 13, 15, 27 e 29 de agosto. Para participar é preciso insciribrse no Servizo de Información Municipal 010 ou a través do 982-29-73-50, para os de fóra de Lugo. Estas rutas, dirixidas por un biólogo profesional, tamén tratarán os Lagos de Teixeiro, a Insua de Burneiros, o  Camiño do Miño, a Ruta dos Mapaches, o río Mera, a Ruta da Agua e o río Rato. O punto de saída é a parada de autobús da rúa Anxo López Pérez, ás 10:00 horas, cunha duración ata as 14:00 horas.

O Concello tamén ofrece dous cursos de formación audiovisual; un de iniciación á curtometraxe, do 16 ao 26 de xullo, e outro de creación, do 30 de xullo ao 20 de agosto. Serán na Casa da Xuventude, e impartiranos Andrés Goteira e Suso López. As inscricións tamén deben formalizarse no 010.

Para as e os amantes da arte urbana, a entidade local ten preparado un taller de hip hop, que consta de 10 sesións, martes e xoves, das 10:00 ás 13:00 horas, do 17 de xullo ao 16 de agosto. Tamén hai unha actividade de grafiti, Lugo Mola. Do día 30 de xullo ao 3 de agosto renovarase o mural da zona de street workout da zona do Parque de Rosalía, e do 4 ao 10 de agosto, o da Praza do Castiñeiro. Esta actividade tamén leva aparalleda a humanización dos espazos xuvenís, como a instalación de iluminación ou a renovación de elementos de xogo, como por exemplo, de aros de canastra.

O tenis de mesa, de luns a vernes, das 10:00 ás 13:00 horas, dende o 1 ao 29 de agosto, nas instalacións de tenis de mesa de Frigsa é outra actividade, que se suma ás anunciadas anteriormente polo Concello, como un taller de tatuaxe, outro para reparar móbiles, ou un obradoiro de comunicación, entre outros.