A Facultade de Formación do Profesorado do Campus de Lugo acolle ata o 23 de febreiro a mostra ‘Educación en feminino: un paseo pola historia’, configurada por 37 paneis que recollen o perfil biográfico e pedagóxico de medio centenar de mulleres de diferentes épocas, xeografías, especializacións e tendencias pedagóxicas que, malia os atrancos padecidos pola súa condición feminina, conseguiron realizar un desempeño profesional na práctica, meritorio e referencial, das Ciencias da Educación.

A exposición, que xa vai pola súa novena edición, é o froito final do traballo do estudantado da materia Teoría e Historia da Educación Escolar’ (1º curso e 1º semestre do Grao en Mestra/Mestre de Educación Primaria e do Dobre Grao Mestra/Mestre de Infantil+Primaria), do profesor Francisco X. Candia. A iniciativa forma parte dun proxecto de aprendizaxe-servizo recoñecido no catálogo de proxectos ApS da USC para o curso 2025-26.

Coa mostra preténdese visibilizar e poñer en valor o labor que todas as mulleres educadoras viñeron realizando ao longo do tempo, desde a Antiga Grecia ata a Galicia moderna, un esforzo individual e colectivo non sempre ben recoñecido, e mesmo ás veces silenciado, pero que deixou como remol un meritorio legado que posibilitou a progresiva consolidación dos alicerces da acción educacional, ata chegarmos aos nosos días.

Así, entre o elenco de protagonistas da exposición figuran referentes galegas como María Barbeito, Elvira Bao, Ángela Ruiz, as Mestras da Montaña Lucense ou a fundadora en Lugo da primeira escola na natureza de Galiza, Bibiana Marful; españolas como Rosa Sensat, Justa Freire, Margot Moles, Josefina Aldecoa, Maria Antònia Canals ou a actualmente promotora dos «patios e parques dinámicos» Gey Lagar; educadoras da Antigüidade como Safo de Lesbos ou Aspasia de Mileto; europeas como Selma Lagerlöf, Nadezhda Krúpskaya, Élise Freinet ou Emmi Pikler; norteamericanas como Anne Sullivan, Helen Keller ou Mary Gordon; a pakistaní Malala Yousafzai, a palestiniana Hanan Al Hroub, ou as afgás Shabana Basij-Rasikh e Pashtana Durrani; ou as keniatas Wangari Maathai e Kakenya Ntaiya.

Mais, á par de educadoras habitualmente presentes nesta colección (as xa citadas), na presente edición tamén se amosan outras figuras polo momento menos coñecidas pero que merece a pena poñer tamén en valor, como as educadoras infantís galegas Ángeles e Isabel Abelleira, a catalá Rosa Pons, a mestra antiautoritaria aragonesa Antonia Maymón, a pedagoga vasca Nélida Zaitegi, a renovadora alemá-ecuatoriana Rebeca Wild, a olímpica estadounidense Wilma Rudolph, a educadora antroposófica Beatrice Ensor ou a propia Clara Campoamor, quen tamén ofrece un pequeno perfil docente.

A exposición recupera pois para a actualidade a pegada vital e o labor pedagóxico destas e doutras educadoras na intención de deconstruír o androcentrismo sobre o que pivotou historicamente o coñecemento académico, facendo visibles figuras verdadeiramente relevantes que, a pesar dos prexuízos de xénero que indefectiblemente tiveron que soportar, xa forman parte merecidamente da Historia da Educación.

E é que, malia que a profesión educativa veu sendo un cometido tradicionalmente asignado ás mulleres de xeito estereotípico, o certo é que existe na sociedade un gran descoñecemento de referentes femininos neste eido, mesmo entre estudantes que en poucos anos serán as mestras e mestres das escolas galegas. Por iso, fronte a unha realidade social e educativa aínda influída especialmente por perfís masculinos, a exposición ofrece unha vistosa e suxestiva panoplia de figuras relevantes da pedagoxía feminina e/ou feminista e tenta dar resposta á necesidade de educar desde unha perspectiva de xénero e pola igualdade.

Na inauguración deste mércores, alén dunha representación de estudantado, persoal de administración e servizos e profesorado da Facultade, estiveron ademais presentes representantes dos tres grupos municipais, así como a concelleira de educación, Iria Buíde Pena. Tamén asistiu a protagonista dun dos paneis da colección, Alicia López Pardo, un dos membros do colectivo docente ‘Mestras da Montaña Lucense’.

En representación do estudantado presentaron a exposición Xiana Cando e Daniel Flynn Benavides, que no seu discurso realizaron un percorrido polo sentido da mostra, o proceso de elaboración e os obxectivos que busca cumprir, que se resumen en dous: sacar á luz e dar a coñecer figuras femininas relevantes en materia pedagóxica de todos os tempos, e reivindicar o labor de todas as mulleres ao longo da historia no mundo da educación.

A mostra, de visita libre no horario habitual de apertura da Facultade, estará exposta no vestíbulo secundario de entrada da Facultade (av. Ramón Ferreiro, s/n LUGO). A semana que vén trasladarase ao IES Ánxel Fole de Lugo.