A concelleira de Cultura, Turismo e Promoción da Lingua, Maite Ferreiro, presentou a XXVI edición da Mostra de Teatro Clásico, que este ano chega con conta con 11 representacións entre o 03 e o 22 de marzo.

Á Mostra de Teatro Clásico 2026 chegarán representacións gañadoras de diversos premios, como o Premio Max 2025 ao Mellor Espectáculo Musical ou Lírico (20 de marzo. “FARRA”), Premio mellor dirección no Festival Nacional de Teatro Vegas Bajas (19 de marzo. “La Loca Historia del Siglo de Oro”), Premio OH 2023 ao Mellor Espectáculo para la Infancia (15 de marzo. “CaLORCAlor”), e contarase coa presencia dunha das mellores compañías de clásico do estado, multipremiada e presente nos mellores teatros e festivais (12 de marzo. “La Desconquista” de Ron Lalá).

Contará tamén cunha importante aposta polas compañías galegas que comezaron a producir obras clásicas.

Programación Mostra de Teatro Clásico 2026
3 de marzo. “O Espírito de Vania” de Machi Salgado. Centro Sociocultural O Vello Cárcere. 20.30h. Entradas de balde. GALEGA.

Sinopse:

Un actor e un músico entran nun espazo en ruínas. Os espíritos dos personaxes do Tio Vania de Chekhov habitan o corpo do actor para contar a súa historia, intentando entender o que aconteceu naquel lugar, unha vella casa galega onde a rutina, os desexos non correspondidos e os soños rotos marcan o paso do tempo. Un afondamento na capacidade de resistencia do ser humano e na súa desconexión coa terra e a natureza. 

Unha proposta intimista con música en directo na que conviven o tráxico e o cómico e onde cada elemento da escena ten vida propia.

Duración: 85 min. Idade recomendada: A partir dos 14 anos.

6 de marzo. “El Alcalde de Zalamea” de Teatro Corsario. Auditorio Municipal Gustavo Freire. 20.30h.

Sinopse:

“El Alcalde de Zalamea” é moito máis que un drama de honra. Ten bastante de comedia, e non é extraño que unhas cantas escenas provoquen o noso sorriso. Móvese nun código de complicidade co público, facéndolle participar das andanzas dunhas personaxes que sorprenden moito coas súas decisións.

Conta a historia dunha violación e o seu difícil castigo. Neste punto, como non podería ser de outro xeito, so cabe a exposición do horror e a dureza dos argumentos postos na boca de persoas perfectamente recoñecibles, sacadas da vida mesma. O prudente Pedro Crespo, non dubida en negociar co violador da súa filla e invitalo a se converter no seu xenro. Isabel, a vítima, entende que é ela e non o seu agresor quen debe sufrir o castigo. Circunstancias, crenzas e despropósitos dun tempo pasado que, representadas nun escenario e alonxándonos moi pouco da mirada do autor, axúdannos a entender o presente, un presente no que necesariamente teremos que cuestionar aquelo que fumos e descubrir que quizais as cousas cambiaron moito. Ou quizais non.

Duración: 90 minutos. Idade recomendada: A partir dos 15 anos.

7 de marzo. “Atila Furioso” de Cristóbal de Virues pola Compañía EscénaTe e Taquikardia. Auditorio Municipal Gustavo Freire. 20.30h.

Sinopse:

Tras ser apartada da súa familia e país, Flaminia, é obrigada a vivir na corte baixo a identidade de home, co nome de Flaminio, para poder manter en segredo a súa relación de amante co Rei. Pero a Raiña namora del/dela e adoece por ser correspondida.

Flaminia, namorada realmente de Atila, soña con se converter na súa única muller e Raiña de Hungría. Descubre o namoramento do camareiro real, Gerardo, cara a Raiña e tece un plan para que Atila descubra aos dous supostos traidores e sexan condeados a morte.

Porén, a chegada de Celia, Raiña de Dalmacia, caída nas mans das tropas de Atila, da ao traste nas súas pretensións xa que Flaminia é testemuña de cómo Atila declara o seu amor cara Celia e, a pesar de que esta rexéitao, obrígaa a se casar con él. Enfurecida por este feito, Flaminia da ao rei unha beberaxe que fai que enlouqueza e no seu delirio asasina a Celia durante o banquete de vodas. Logo dun desaforado e violento episodio, Atila morre, furioso, pero non sen antes tamén asasinar á propia Flaminia.

Duración: 70 minutos. Idade recomendada: A partir dos 10 anos.

12 de marzo. “La Desconquista” de Ron Lalá. Auditorio Municipal Gustavo Freire. 20.30h. Unha das mellores compañías de clásico do estado. Multipremiada e presente nos mellores teatros e festivais.

Sinopse:

Finais do século XVI. A bordo dunha barca á deriva, tres náufragos reman para alcanzar as costas do Novo Mundo. O capitán Hernán Galán busca a gloria, o mariño Fulano busca o ouro, o misioneiro frei Pío busca almas para a fe. Os tres vivirán mil peripecias e desventuras en alta mar e en costas descoñecidas para descubrir que ninguén é quen di ser e nada é como parece. E descubrindo o Novo Mundo quizais se descubran a si mesmos…

La Desconquista é unha comedia burlesca, cómica e musical, baseada nas crónicas do Descubrimento. Unha viaxe disparatada aos soños e ambicións imperiais ao máis puro estilo de Ron Lalá: cinco actores-músicos, teatro en verso clásico á maneira do Século de Ouro, música en directo, ritmo desenfreado e, sobre todo, moitas gargalladas.

Unha festa escénica e musical que xira ao redor das ambicións, obsesións, medos e angustias do Imperio onde non se puña o sol, no seu afán de conquista e no seu pasmo ante a nova realidade dun continente aínda descoñecido. Unha visión mordaz e delirante con textos e música orixinais, humor vertixinoso, poesía escénica e un quinteto de comediantes inimitables.

Ron Lalá lánzase á Desconquista!

Duración: 80 minutos. Idade recomendada: A partir dos 14 anos.

13 de marzo. “Rey Lear” da Companhia do Chapitô. Auditorio Municipal Gustavo Freire. 20.30h. Compañía portuguesa.

Sinopse:

Nesta versión minimalista do Rei Lear, tres intérpretes encarnan a todos os personaxes, movéndose nunha incesante acción de liberdade. A meta-teatro emerxe como a clave deste xogo, un mecanismo vital para resistir a traxedia.

Non se trata só de contar unha historia, trátase de habitala, desafiala, despregala en movementos que transforman corpos, voces e espazos en algo inestable, efémero, intencionadamente artificial.

O escenario, este territorio mutable, é o lugar onde os personaxes se disolven e recompoñen, onde os intérpretes se moven sen previo aviso entre capas de interpretación, expondo as profundidades do poder e a cobiza. Eles, os actores, son o corazón palpitante da obra, á vez múltiples e singulares, mentres levantan e destrúen o xogo escénico, revelando un espectáculo que trata tanto sobre O Rei Lear como sobre a esencia mesma de contar e reinventar unha historia.

Duración: 80 minutos. Idade recomendada: A partir dos 13 anos.

14 de marzo. “Dicha y desdicha del juego y devoción de la Virgen” de Ângela de Azevedo por Calema Producciones SL. Auditorio Municipal Gustavo Freire. 20.30h.

Sinopse:

O Demo e a Virxe, inmortais ludópatas, xogan a salvación ou condea da humanidade. As protagonistas da súa partida son María, Felisardo, Violante e Fadrique, dúas parellas amorosas que terían que xogalo todo tamén para vencer os obstáculos (a honra, a ambición, a autoridade dos pais, a inconstancia e o desexo de vinganza), salvarse e alcanzar os seus desexos. 

Unha posta en escena lúdica e fresca dunha obra nunca antes representada con tres actores/actrices que xogan a ser nove personaxes sobre un taboleiro teatral, dados, fichas, marionetas, humor, azar e música ao servizo da visión iconoclasta e modernísima da autora portuguesa do século XVII, Ângela de Azevedo. Non vai máis!

Duración: 90 minutos. Idade recomendada: A partir dos 15 anos.

15 de marzo. “CaLORCAlor” de Guayominí Producciones SL. Auditorio Municipal Gustavo Freire. 18.00h.  FAMILIAR. Premio OH 2023 ao Mellor Espectáculo para la Infancia.

Sinopse:

Coma nun xogo de crianzas e de palabras, se repites “calor” unha vez tras outra pode que unha onda te leve a Granada, a Fuente Vaqueros, á casa de Federico García e Vicenta Lorca, pode que ao seu patio, ou quizais, se o repites, chegues a unha palleira e alí  atopes a Arantxa e Lobo, apoiados sobre os versos de Lorca, tratando de levar ao teatro o arrecendo do mar, tentando averiguar o xeito de encher un patio de butacas de estrelas.

Tamén é posible que, se repites «calor» unha vez tras outra, chegues a ambos lugares.

Duración: 50 minutos. Idade recomendada: A partir dos 6 anos.

19 de marzo. “La Loca Historia del Siglo de Oro” de La Escalera de Tijera e Z Teatro. Auditorio Municipal Gustavo Freire. 20.30h. Premio mellor dirección no Festival Nacional de Teatro Vegas Bajas.

Sinopse:

O retrato dunha España chea de luces e sombras, reis, pintores, dramaturgos, clero, pícaros e cómicos envolven A TOLA HISTORIA DO SÉCULO DE OURO e retratan os acontecementos sucedidos durante este século, narrando as andanzas, aventuras e desventuras dunha sociedade guiada polos designios de Deus e dos Reis. 

Un percorrido disparatado polos momentos máis brillantes —e tamén máis ridículos— do teatro clásico. Entre Lope, Calderón, Cervantes e compañía… nada será como o recordabas. Con humor, música en directo, xiros inesperados e a frescura de dúas compañías que saben mesturar o clásico co contemporáneo, esta obra transforma o Século de Ouro nun espectáculo delirante para todos os públicos.

Duración: 65 minutos. Idade recomendada: A partir dos 12 anos.

20 de marzo. “FARRA” Compañía Nacional de Teatro Clásico e Compañía Lucas Escobedo. Auditorio Municipal Gustavo Freire. 20.30h. Premio Max 2025 ao Mellor Espectáculo Musical ou Lírico.

Sinopse:

Festa, celebración, cultura e comunidade atópanse durante o tempo de entroido de 1568 ou de 1668 ou de 2024. Durante as “carnestolendas” todo é posible, as normas cambian e o mundo ríxese por paradoxas. A farra barroca, a festa, abre a porta á música, a loucura, a maxia ou a acrobacia entre moxigangas, danzas e regocixos. E, como toda subversión, o obxetivo radica en sinalar a loucura do pasado e do presente, removendo conciencias e celebrando o noso encontro.

Duración: 75min aprox. Idade recomendada: a partir de 6 años

21 de marzo. “Las abarcas desiertas” de La Compañía del Alba. Auditorio Municipal Gustavo Freire. 18.00h. FAMILIAR.

Sinopse:

No curso das súas aventuras polo mundo, un xograr atópase con Miguelín, neno pastor a quen este ano non lle trouxeron nada os reis magos. Entón ambos deciden emprender unha longa viaxe cara Oriente. Alí descubren que Gaspar, Melchor e Baltasar foron secuestrados polo Señor da Guerra, e xuntos terán que liberalos. Unha historia con sorprendentes títeres, seres marabillosos e música en directo.

Unha emocionante fábula interpretada por un xograr que se serve dos títeres, a música e a palabra poética para que emprendamos, con él e co neno Miguelín, unha longa viaxe cara Oriente.

Duración: 50 minutos. Idade recomendada: A partir dos 6 anos.

22 de marzo. “Artur Ui, o ovo da serpe” de Talía Teatro. Auditorio Municipal Gustavo Freire. 18.30h. GALEGA.

Sinopse:

Artur Ui, o ovo da serpe representa unha decidida aposta por conectar a vixencia do teatro épico de Bertolt Brecht coa realidade contemporánea. Máis aló de ser unha homenaxe a un clásico moderno, esta produción explora con profundidade crítica os mecanismos de poder, a natureza do autoritarismo e as súas manifestacións ao longo da historia, establecendo un paralelismo claro co contexto político e social actual.

Duración: 90 minutos. Idade recomendada: A partir dos 14 anos.

ENTRADAS

poderán adquirirse a través do portal entradaslugo.es a 8€ nos espectáculos para público adulto e 3€ os espectáculos para público familiar que teñan lugar no auditorio. 

As persoas en paro, menores de 30, pensionistas e actores e actrices asociadas á AAAG poderán desfrutar dun 30% de desconto. 

Ademais, poderase comprar un bono que incluirá toda a programación para público adulto a un prezo de 36€.