A ciencia enche os bares: Pint of Science consolídase en Lugo e chega por primeira vez a Palas de Rei con 18 charlas os días 18, 19 e 20 de maio.
O festival gratuíto de ciencia nos bares celebra a súa undécima edición en 114 cidades e vilas de todo o territorio nacional.
Como novidade, Pint of Science incorpora 29 novas localizacións en áreas rurais para achegar a ciencia máis punteira ás zonas máis despoboadas do país.
En Lugo, Pint of Science celebrarase no Mesón do Forno, Ho! Gruf e Facela Bar ás 18 horas.
Coa incorporación de Palas de Rei, o festival amplía a súa programación para achegar ao público temas de saúde, medio ambiente, intelixencia artificial, historia e mundo rural.
Poden os “virus bos” converterse en aliados fronte ás superbacterias? Ata que punto inflúen a intelixencia artificial e os algoritmos no que lemos e pensamos? Que historias agochan as mulleres do rural arredor do leite? Como afectan o embarazo ou o contorno laboral á nosa saúde e benestar real?
Estas e moitas outras preguntas igual de chamativas forman parte dos títulos das charlas científicas que se abordarán os días 18, 19 e 20 de maio en Lugo e Palas de Rei, participando no festival Pint of Science, o maior evento de divulgación científica gratuíto do mundo.
Neste festival, investigadoras e investigadores de todas as disciplinas achegan o seu traballo ao público nun contorno pouco habitual para a ciencia: os bares, convertendo estes espazos cotiáns en puntos de encontro entre o coñecemento e a curiosidade.
PROGRAMACIÓN PINT OF SCIENCE EN LUGO
Na provincia de Lugo, Pint of Science celebrarase en 6 locais, cun total de 18 charlas científicas que tratarán todas as áreas do coñecemento científico.
Luns 18 de maio – Mesón do Forno – 18:00 horas – Entrada de balde.
Acollerá a primeira xornada do Pint of Science Lugo baixo o título “Coa vida no interior, o laboratorio no prato e o lume nos talóns”.
A sesión abordará temas de grande relevancia social e científica desde distintas perspectivas.
Manuel Marey Pérez analizará os incendios forestais, explorando a súa evolución, causas, impactos e posibles escenarios futuros no territorio. A continuación, Marta Prado Rodríguez mostrará como a miniaturización de métodos analíticos está a revolucionar a seguridade alimentaria, permitindo detectar contaminantes e garantir a calidade dos produtos de forma rápida e precisa.
Pola súa banda, Cristian Martín Vázquez porá o foco na saúde durante o embarazo, destacando a importancia do benestar integral da muller e evidenciando a necesidade de incorporar a saúde mental e o apoio social no seguimento prenatal.
Información completa da xornada do 18/05
Martes 19 de maio – Ho! Gruf – 18:00 horas – Entrada de balde.
Acollerá a segunda xornada baixo o título “Rostros da Historia: probetas, leiteiras e tribunais”, unha sesión que conectará ciencia, memoria e sociedade desde unha perspectiva histórica.
Marcelino Maneiro Maneiro abrirá a tarde cun percorrido polo nacemento da química moderna no contexto da Revolución Francesa, explicando como figuras como Lavoisier contribuíron a transformar a alquimia nunha disciplina científica.
A continuación, Marta Veiga Izaguirre presentará o proxecto CALLEIRA, centrado en recuperar as memorias e experiencias das mulleres arredor da produción e xestión do leite en distintas comarcas de Lugo.
Por último, Tamara López Fernández analizará os casos de estupro durante o franquismo, explorando como as normas sociais, xurídicas e de xénero condicionaron as relacións e o seu tratamento xudicial en Lugo e na Lisboa salazarista.
Información completa da xornada do 19/05
Mércores 20 de maio – Facela Bar – 18:00 horas – Entrada de balde.
Acollerá a última xornada do Pint of Science en Lugo baixo o título “Conexións vitais: plásmidos, contornos e horizontes”, unha sesión que combinará bioloxía, benestar laboral e reflexión humanística.
Saskia Camille Flament Simon explicará o papel dos plásmidos como vehículos xenéticos clave na evolución bacteriana e a súa importancia na biotecnoloxía actual.
A continuación, Paula Vázquez Rodríguez abordará o acoso psicolóxico no traballo, analizando os seus efectos sobre as persoas e as organizacións e subliñando a súa dimensión colectiva.
Por último, Óscar Fernández Expósito ofrecerá unha aproximación á análise retórica do texto bíblico Xoán 17,1-26, explorando as tensións de tempo e espazo que configuran o seu significado e o seu impacto na interpretación.
PROGRAMACIÓN PINT OF SCIENCE EN PALAS DEL REI
No Pint of Science de Palas de Rei, as charlas desenvolveranse en distintos espazos hostaleiros do municipio ás 18:00 da tarde, convertendo os bares en puntos de encontro entre ciencia e cidadanía ao longo de tres xornadas nas que se abordarán temas de saúde, medio ambiente e sociedade.
A programación comezará o luns 18 de maio no Albergue Zendoira cunha sesión que combinará ciencia do corpo humano e do territorio. Isidro García Meniño explicará como os chamados “virus bos” poden empregarse como alternativa fronte ás superbacterias, un dos grandes retos sanitarios actuais. A continuación, Marta I. Miranda Castañón abordará a falta de selenio en Galicia e como esta carencia afecta tanto á saúde dos animais como das persoas. Pola súa banda, Horacio García convidará a entender mellor o comportamento dos ríos, explicando por que non sempre seguen os nosos plans e que podemos aprender da súa dinámica natural.
O martes 19 de maio, o Restaurante Eira acollerá unha nova xornada centrada na relación entre saúde e medio ambiente. Joel Rodríguez Ruiz analizará o papel dos bosques na regulación do carbono e a súa importancia na loita contra o cambio climático. Seguidamente, Elena Lendoiro Belío abordará como o cabelo pode empregarse para reconstruír a exposición a substancias ao longo do tempo, unha ferramenta clave en ámbitos como a saúde e a xustiza. Finalmente, Jesús Mateos Martín explicará como as proteínas funcionan como indicadores fundamentais do noso estado de saúde e como axudan a detectar e comprender enfermidades.
O mércores 20 de maio, a cafetería Km66 será o escenario da última xornada, dedicada á sociedade e ao futuro do medio rural. Marta Veiga Izaguirre presentará o proxecto CALLEIRA, que recupera as historias e experiencias das mulleres arredor do leite no rural lucense. A continuación, Carlos Toural Bran reflexionará sobre como a intelixencia artificial e os algoritmos inflúen na información que consumimos e na calidade da democracia. Para pechar, Mar Pérez
Fra abordará o papel das mulleres na transformación do medio rural e os retos necesarios para construír territorios máis igualitarios e sostibles.
Pint of Science
Pint of Science é un festival internacional de divulgación científica que naceu no Reino Unido en 2013 e que hoxe se celebra simultaneamente en 27 países dos cinco continentes. En España está impulsado pola Asociación de Divulgación Científica Pint of Science España, unha organización sen ánimo de lucro coordinada por máis de 750 persoas voluntarias en todo o territorio nacional.
A iniciativa ten como obxectivo achegar a investigación científica á cidadanía en espazos cotiáns como os bares, favorecendo o diálogo directo entre investigadoras e investigadores e o público nun ambiente informal e participativo. En España, o festival conta ademais co apoio de numerosas entidades patrocinadoras e colaboradoras a nivel nacional e local, que fan posible a súa celebración ano tras ano.
Ao longo das súas edicións, Pint of Science consolidouse como unha experiencia de divulgación única, con milleiros de eventos organizados, a participación de miles de investigadoras e investigadores e centos de miles de asistentes.
O programa completo por cidades pode consultarse en https://pintofscience.es/


























