O Club Cultural Valle-Inclán proxecta o filme ‘O ladrón de bicicletas’, de Vittorio de Sica (Italia, 1948, 88 min), nas Sesións de Filmoteca do Outono Cultural 2026.
Será o mércores 14 de outubro no Salón de Actos da Casa do Saber do campus de Lugo ás 19.30 horas.
A entrada é de balde e libre para a comunidade universitaria. Unha vez iniciada a proxección, non se permitirá o acceso á sala.
Esta actividade desenvólvese segundo o convenio asinado pola Xunta de Galicia e a Federación de Cineclubes de Galicia.
O ladrón de bicicletas
Antonio Ricci é un obreiro despedido na Italia da posguerra que atopa, por fin, un traballo de pegar carteis pola cidade de Roma. Para o desempeño deste labor necesita unha bicicleta, mais por desgraza róbanlla o primeiro día.
Antonio e o seu fillo Bruno comezan unha busca desesperada por toda a cidade para recuperar a bicicleta. Os dous saben que sen ela Ricci non poderá conservar o sustento da familia.
Unha das obras mestras do neorrealismo italiano, duro testemuño da vida en Italia despois da Segunda Guerra Mundial. Unha película chea de actualidade, autenticidade e realismo. Interpretada por actores non profesionais que dotan os seus personaxes de dignidade na súa loita pola supervivencia. FILMOTECA DE GALICIA.


