- Este evento ha pasado.
Xornada «Soberanía alimentaria: utopía ou realidade?»
16 de octubre - 17:00

O venres 16 de outubro, ás 17.00 h, na Casa do Saber de Lugo, acto de presentación do vídeo «Soberanía alimentaria: utopía ou realidade?», elaborado no marco do proxecto Ciencia á Feira 2026/2027, coincidindo co Día Internacional da Soberanía Alimentaria.
Ademais da estrea do vídeo, a xornada contará cun faladoiro sobre soberanía alimentaria en Galicia, os seus retos e oportunidades, no que participarán Mar Pérez Fra, Ángeles Romero Rodríguez e David Miranda Barrós, do Campus de Lugo da USC.
A continuación, Marcos Vázquez Marey, do Consello Regulador da Agricultura Ecolóxica de Galicia (CRAEGA), ofrecerá unha charla titulada «Agricultura ecolóxica: a gran oportunidade».
Unha das grandes preocupacións da humanidade no actual contexto de quecemento global e inestabilidade xeopolítica internacional reside no acceso doado e barato á comida.
Durante a xornada, as persoas relatoras tratarán de responder a pregunta de se pode Galicia alimentarse a si mesma.
A xornada pretende achegarlle á cidadanía un dos grandes desafíos actuais: como avanzar cara a un sistema alimentario máis sustentable, xusto e resiliente, capaz de garantir alimentos suficientes e saudables para toda a poboación sen comprometer os recursos das xeracións futuras.
A soberanía alimentaria vai máis alá da dispoñibilidade de alimentos e incorpora tamén o dereito dos pobos a decidir as súas propias políticas alimentarias, protexer os recursos naturais e priorizar modelos de produción e consumo vinculados ao territorio.

