– A exposición permanecerá aberta ao público dende o día 11 de decembro e ata o 10 de febreiro, en horario de mañá e tarde. A entrada é libre e de balde
– A mostra recolle unha escolma de pezas de cerámica popular realizadas en San Mamede de Bonxe e outras parroquias do Concello de Outeiro de Rei, como Silvarrei, Pape, Constante, Penelas, Francos, O Cantón e Guillar, así como pezas de Lugo, concretamente nos núcleos de Pías, Seivane e Ramil
– Esta colección complétase con paneis informativos con información técnica e científica e material audiovisual recollido pola TIC, nun documental de 18 minutos onde se rexistran imaxes dos fornos e das barreiras nos seus espazos naturais
Decembro 2018 O Presidente da Deputación, Darío Campos Conde, inaugurou este martes na Capela de Santa María a exposición Formas tradicionais da cerámica popular: Terra Chá. Bonxe, comisariada por Hixinio Flores Rivas e Orlando Viveiro Veiga. A mostra recolle unha escolma de pezas de cerámica popular realizadas en San Mamede de Bonxe e outras parroquias do Concello de Outeiro de Rei, como Silvarrei, Pape, Constante, Penelas, Francos, O Cantón e Guillar, así como pezas de Lugo, concretamente nos núcleos de Pías, Seivane e Ramil. As pezas, 80 en total, a maioría procedentes de coleccións particulares, amosan diversas tipoloxías e expóñense cunha contextualización informativa e fotográfica, co obxecto de poñer en valor a cerámica popular galega a través do coñecemento, neste caso concreto, da produción realizada na Terra Chá.
A mostra complétase con tablóns explicativos nos que se incorporan datos técnicos e científicos novidosos a través de distintos paneis arqueolóxicos, co fin de establecer unha relación entre os materiais atopados nas mámoas prehistóricas e a olería actual; paneis arqueométricos, que presentan o resultado de analíticas realizadas ás pezas tradicionais; paneis etnográficos, que recollen as localizacións de camiños reais e barreiras (canteiras de arxila); ou paneis tomográficos, que recollen radiografías dalgunhas pezas. Tamén hai dispoñible material audiovisual, cun documental de 18 minutos realizado pola TIC no que se rexistran imaxes dos fornos e as barreiras, e no que se poden ver as súas características particulares nos seus espazos naturais.
A exposición poderase visitar dende o día 11 de decembro ata o 10 de febreiro de 2019, en horario de mañá e tarde: de luns a venres, de 10:30 horas a 14:00 horas e de 17:00 horas a 20:00 horas. Os sábados, domingos e festivos, o horario será de 11:00 horas a 14:00 horas e de 16:30 horas a 20:00 horas.